Detida unha moza en Vigo por romper un vaso na cara dunha camareira

Os feitos tiveron lugar na madrugada do pasado domingo, despois de que a agresora pedise a folla de reclamacións do local

A rúa Inés Pérez de Ceta de Vigo. GOOGLE MAPS
photo_camera A rúa Inés Pérez de Ceta de Vigo. GOOGLE MAPS

A Policía Local detivo en Vigo a unha moza de 19 anos que, como ela mesma recoñeceu, rompeu un vaso na cara dunha camareira, causándolle cortes profundos na cella esquerda.

Os feitos, dos que informou este martes a Policía, tiveron lugar na madrugada do pasado domingo nun local situado na rúa Inés Pérez de Ceta.

No relato dos feitos coinciden varias testemuñas coa camareira, quen dixo aos axentes desprazados ao lugar que todo comezou cando unha moza lle solicitou a folla de reclamacións do local e, sen mediar motivo algún, empezou a agredila colléndoa polo pelo e intentando sacala por encima da barra á vez que lle lanzaba un vaso á cara.

Segundo o testemuño da camareira, tres mulleres que acompañaban á moza, agora detida, participaron na agresión dándolle golpes tanto na cara como na cabeza. 

Os axentes solicitaron a presenza dunha dotación do 061, cuxos sanitarios, tras realizar unha primeira exploración á camareira, decidiron o seu traslado a un centro hospitalario.

Os policías entrevistáronse despois coa agresora, quen manifestou que momentos antes recibira unhas losqueadas na súa fazula por parte da camareira do local, polo que lle rompeu un vaso na cara, de modo que foi detida como presunta autora dun delito de lesións.

Comentarios