Detido un veciño de Cangas por atracar un banco en Vigo

Fuxiu á carreira tras conseguir o botín e unha hora despois asaltou unha tenda

La Rúa do Ecuador de Vigo. GOOGLE MAPS
photo_camera A Rúa do Ecuador de Vigo. GOOGLE MAPS

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a un veciño de Cangas, de 35 anos, pouco tempo despois de que cometese un atraco nunha entidade bancaria e outro nunha tenda da cidade olívica. 

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na mañá deste mércores. á primeira hora, a sala do 091 recibiu un aviso dun atraco nunha sucursal bancaria da rúa Ecuador, onde un individuo alto, delgado, con cazadora e vermella e pantalón azul entrara á oficina. 

Tras ameazar aos empregados para que lle entregasen o diñeiro en efectivo dispoñible, e conseguir o seu botín, o atracador fuxiu á carreira. 

Unha hora despois, a Policía recibía outro aviso por un atraco nunha tenda na rúa Vázquez Varela. O responsable do local relatou aos axentes que acudiron que un home, cuxa descrición coincidía coa do atracador do banco, o ameazara para roubar o diñeiro da caixa. 

A Policía despregou un dispositivo de procura e detectou ao sospeitoso pouco antes das 11,30 horas na rúa México. Un dos axentes dunha dotación baixou do coche e seguiuno de forma discreta, mentres outros policías esperaban na rúa Brasil. 

Así, o home foi detido e trasladado a Comisaría, onde se comprobou que sobre el pesaba unha orde xudicial de procura e detención, ademais de que tiña varios antecedentes policiais. O arrestado e as dilixencias practicadas foron postos a disposición xudicial.