Detido un veciño de Vigo por unha suposta agresión sexual a unha menor

O home tería levado á moza ao seu domicilio en evidente estado de embriaguez
ESNOTICIA
photo_camera ESNOTICIA

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a un mozo veciño da cidade como presunto autor dun delito de agresión sexual, tras a denuncia dunha menor de idade, da que supostamente abusou tras levala ao seu domicilio cando a moza estaba bebida.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos remóntanse a finais de xullo, cando a vítima se atopaba nas festas de Bouzas cun grupo de amigos, aos que se uniu o detido (do que ela xa tiña algunhas referencias por redes sociais).

Avanzada a madrugada, os amigos empezaron a marchar, mentres que a moza optou por quedar na festa co sospeitoso e outro coñecido. Nun momento determinado, a menor (que consumira alcol) dixo que non se atopaba ben e o agora detido ofreceuse a deixarlle durmir na súa casa, alí cerca, e levala ao día seguinte ao seu domicilio.

A moza aceptou a oferta pero, á mañá seguinte, e aínda que non recordaba moitas cousas das horas previas, foi consciente de que fora agredida sexualmente. Por iso, interpuxo denuncia en Comisaría e efectivos da Unidade de Familia e Menores (UFAM) iniciaron unha investigación, que culminou coa identificación do presunto autor dos feitos. Dáse a circunstancia de que o sospeitoso xa foi investigado anteriormente en relación a outros casos de agresión sexual e ten antecedentes policiais por outros delitos.

O presunto agresor foi localizado e detido pola Policía Nacional nas Illas Cíes, nun control de visitantes enmarcado no Plan Verán Seguro despregado pola Comisaría.