Detido un vigués que simulou un roubo na súa casa para cobrar o seguro

Os policías detectaron indicios que non coincidían cun asalto a unha vivenda

Axentes da Policía Nacional detiveron a un veciño de Vigo por simular un roubo na súa vivenda, para cobrar a correspondente indemnización da compañía aseguradora.

Segundo explicaron fontes policiais, este home presentouse en comisaría o pasado 13 de marzo, para interpor unha denuncia por un suposto roubo cometido no seu domicilio. 
A Policía Científica fixo unha inspección ocular e iniciáronse as pescudas para aclarar os feitos, pero os axentes decatáronse de que había indicios que non se correspondían cun roubo.

Ante a sospeita de que puidese tratarse dunha denuncia falsa, revisouse toda a documentación e descubriuse que días antes o denunciante e a súa familia quedaron atrapados na vivenda, porque a porta se bloqueou e non podían saír.

Entón, avisaron a un cerraxeiro, que desbloqueou a porta e reparou os sistemas de peche. A factura deste cerraxeiro foi modificada para enviala á compañía de seguros, e achegábase unha copia da denuncia interposta en comisaría por un roubo que nunca sucedera.

O home foi detido e trasladado a dependencias policiais, onde se comprobou que carece de antecedentes. Así mesmo, a Policía informoulle á compañía de seguros e puxo todas as dilixencias en coñecemento do Xulgado de Instrución número 2 de Vigo.