Un motorista falece e a súa acompañante resulta ferida nun accidente en Vigo 

O sinistro ocorreu de madrugada na Gran Vía
Gran Vía de Vigo. GOOGLE MAPS
photo_camera Gran Vía de Vigo. GOOGLE MAPS

Un accidente de tráfico sucedido na madrugada deste xoves en Vigo saldouse co falecemento dun home de 40 anos que conducía unha motocicleta, mentres que a súa acompañante, unha muller de 36 anos, resultou ferida. 

Segundo recolleu o 061 nun comunicado, a central de coordinación de Urxencias Sanitarias foi alertada ao redor das 1.31 horas de que este suceso tivera lugar na avenida Gran Vía da cidade olívica. 

Ata ese punto desprazáronse dúas ambulancias, unha delas, medicalizada, para atender ás vítimas e axentes da Policía Local. Finalmente, a muller, que presentaba feridas graves, foi trasladada ao Hospital Povisa e certificouse o falecemento do home ao redor das 2.00 horas. 

En concreto, o suceso tivo lugar en torno ao número 36 da avenida, onde a motocicleta, modelo Yamaha 600 FZS, circulaba en sentido ascendente en dirección á praza de España. 

Tras impactar contra un valo que delimitaba os controis de obra da avenida, o motorista perdeu o control do vehículo e chocou contra a beirarrúa e un colector de lixo.