A muller ferida nas barracas de Vigo quedou colgada da atracción en marcha

O suceso ocorreu nas festas de Coia tras abrirse a barra de seguridade

Unha das dúas persoas feridas este luns pola noite nun accidente nunha atracción de feira nas festas de Coia, en Vigo, quedou colgada dun brazo mentres o coñecido como Saltamontes estaba en marcha debido a que a barra de seguridade do seu habitáculo, no que ía co seu fillo, abriuse parcialmente.

Así o relatou á Policía a muller no hospital Povisa de Vigo, onde permanece ingresada por unha fractura de tibia e peroné, segundo detallou o concelleiro de Seguridade Cidadá no Concello de Vigo, Carlos López Font, quen sinalou que a atracción, que está precintada, tiña todos os papeis en regra.

Policía Local e Bombeiros comprobaron no punto que fallaron os dous mecanismos de control desta atracción: un sensor que emite sinais á cabina central, que, de funcionar, pararía de inmediato a atracción, e outro manual, mediante a comprobación dun operario de que as barras de seguridade están pechadas.

A vítima que resultou con feridas máis graves –o seu fillo presenta contusións relatou á Policía que non se abrochou o cinto de seguridade que leva cada habitáculo da atracción porque descoñecía a súa existencia e ademais, ninguén a avisou.

Tamén contou que ela mesma presionou a barra de seguridade e ao ouvir un clic pensou que estaba ben pechada, pero á segunda volta que deu o Saltamontes abriuse ata a metade e quedou colgada por un brazo mentres a atracción subía e baixaba, golpeándoa contra o chan e a varanda que bordea o perímetro.

Carlos Font detallou que esta atracción tiña toda a documentación en regra, tanto o certificado de revisión anual correspondente ao ano en curso, como un certificado de solidez e montaxe e un seguro de responsabilidade civil.

O edil de Seguridade Cidadá aclarou que aínda que a atracción é a mesma na que en maio de 2017 tres persoas resultaron feridas as festas da Xuventude, en Balaídos, trátase dun propietario distinto.