Deteñen a dous mozos de Vigo por unha pelexa nocturna en Nigrán

Están acusados de cometer un delito de lesións
Guardia Civil
photo_camera Garda Civil

A Garda Civil detivo a dous mozos de Vigo que supostamente lle propinaron unha malleira a outro mozo por mor dunha pelexa nocturna que se produciu nun local de copas no municipio de Nigrán. A vítima tivo que ser intervida cirurxicamente por mor dos golpes que recibiu na cara.

Os feitos iniciáronse a madrugada o pasado día 16 de agosto nun establecemento de copas do municipio de Nigrán onde se produciu unha acalorada discusión entre o agredido e outro grupo de mozos. Segundo as investigacións realizadas polos efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, a vítima tivo que saír fuxindo do establecemento logo de propinarlle unha puñada a un dos integrantes do grupo contrario, que saíron na súa persecución ata que lle deron alcance nunha paraxe próxima.

Segundo o relato da propia vítima e o parte médico que achegou na denuncia, foi brutalmente golpeado na cara ata que o deixaron semiconsciente, causándolle importantes lesións con múltiples fracturas na cara e no tabique nasal, das que tivo que ser atendido nun centro médico de Vigo onde foi intervido cirurxicamente.

Por mor das investigacións realizadas, a Garda Civil procedeu á detención de dúas dos mozos que supostamente interviñeron na agresión, de 23 e 19 anos, veciños de Vigo, acusados dun presunto delito de lesións. Os dous arrestados quedaron en liberdade en sede policial coa obrigación de comparecer no xulgado cando sexan requiridos.

A investigación continúa aberta para o total esclarecemento dos feitos e non se descartan novas detencións. As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución Nº 6 de Vigo.