Tres homes detidos en Vigo por sendas agresións contra mulleres

Os supostos agresores foron detidos pola Policía Local de Vigo o pasado fin de semana
Policía Local de Vigo. ADP
photo_camera Policía Local de Vigo. DP

A Policía Local de Vigo detivo o pasado fin de semana a tres homes involucrados en sendos episodios de violencia contra mulleres, dúas deles por delitos de violencia de xénero, informaron fontes policiais.

A primeira das detencións por violencia de xénero produciuse o venres despois de que unha muller residente na zona do Calvario denunciase á súa parella por golpeala no pómulo.

O agora detido é un home de orixe brasileira e de 35 anos, quen xustificou a agresión polo feito de que ela lle deu una labazada primeiro.

Os axentes víronse obrigados a intervir de novo na madrugada do domingo na zona de Cabral, esta vez para deter, previa denuncia, a un vigués de 59 anos por outro delito da mesma natureza.

Segundo as testemuñas que alertaron á Policía, o home arrastrou dos pelos á súa parella ao longo de varios metros ameazándoa con estamparlle unha botella na cabeza que lle acababa de arrebatar, circunstancia recoñecida por ambos e que derivou na detención do home.

O terceiro caso tivo lugar tamén o pasado venres a media tarde, cando un home deu unha puñada no nariz a unha camareira na zona de Balaídos sen que mediase provocación algunha.

A moza, de 18 anos, foi quen denunciou a agresión, tras a cal foi necesaria a intervención dun técnico sanitario que acudiu ao lugar nunha ambulancia e que lle diagnosticou unha posible rotura do tabique nasal.

Unha testemuña dos feitos proporcionou aos axentes a descrición do agresor, que xa protagonizara anteriormente episodios similares e que acabou sendo detido nas inmediacións da praza de América.

Comentarios