Hospitalizada unha familia en Vigo polo escape dun quentador

Víronse afectados dous adultos e dous menores
Camión de Bomberos de Vigo. DP
photo_camera Camión de Bombeiros de Vigo. DP

Os catro membros dunha mesma familia de Vigo foron trasladados ao hospital a última hora da tarde do xoves con síntomas de intoxicación por monóxido de carbono. Segundo informa o 112 Galicia, a intoxicación resultou ser a consecuencia do mal funcionamento dun quentador de auga.

Foi un dos adultos quen, ante o malestar dun dos fillos, chamou ao 112 Galicia para solicitar asistencia, cuxos profesionais comezaron a sospeitar que os mareos que sentían todos os membros da familia, dous adultos e dous menores, podería ter que ver cunha acumulación de monóxido de carbono no domicilio.

Por iso, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención dos Bombeiros de Vigo, os cales, tras realizar medicións, detectaron a presenza de monóxido de carbono causado polo mal funcionamento dun quentador de auga, de modo que procederon a cortar a subministración de gas e a ventilar a vivenda. 

Os afectados foron trasladados ao centro hospitalario de referencia por un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.