Intenta tirar á nai da súa parella pola fiestra dun quinto piso en Vigo

A Policía detén ao presunto agresor, de 43 anos, e incauta varias armas que tiña no domicilio 

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, de orixe francesa, J.M.G.B., de 43 anos, como presunto autor dun delito de tentativa de homicidio, tras intentar arroxar desde a fiestra dun quinto piso á nai da súa parella.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na noite do luns, cando a Policía Local acudiu a un domicilio da zona de Balaídos, alertada polos veciños, que viron a un individuo zarandear a unha muller, á que intentaba tirar por unha fiestra. Momentos despois, alguén tirara da muller cara ao interior da vivenda, para pola a salvo.

Cando os axentes chegaron á vivenda, foron recibidos por unha muller de 37 anos de idade, quen lles relatou que convive nese domicilio cun home, do que se separou e agora retomaron a relación, e co fillo menor de ambos. Nese momento, sinalou, a súa nai tamén estaba de visita na vivenda.

Segundo narrou, a súa parella e a súa nai mantiveron unha discusión, na que el se puxo violento e agarrou á señora polo pescozo, arrastrándoa cara á fiestra, con intención de arroxala ao baleiro. Cando a filla viu que a súa nai tiña a metade do corpo fóra da fiestra precipitouse a axudala, e logrou tirar dela cara a dentro.

A Policía presume que, durante a relación con este individuo, a filla puido ser vítima de malos tratos, aínda que nunca presentou denuncia contra el.

ARMAS NO DOMICILIO. Por estes feitos, os axentes (que contaron con apoio de efectivos da Policía Nacional) arrestaron ao home, e incautaron varias armas, que o individuo tiña no domicilio: varias escopetas de caza, un revólver e munición.

Por outra banda, a muller vítima da agresión, que presentaba negróns no pescozo e nun dos seus brazos, declinou asistencia sanitaria.