Investigado un condutor que deu positivo en alcol en Vigo e que non tiña carné

Investígaselle por dous supostos delitos contra a seguridade viaria

A Policía Local de Vigo iniciou dilixencias xudiciais contra un home que circulaba de forma sospeitosa e deu positivo en alcol, ademais de carecer de permiso de circulación. Investígaselle por dous supostos delitos contra a seguridade viaria.

Unha patrulla deulle o alto a un vehículo da marca Opel Corsa esta madrugada, ás 00.50 horas, na rúa Jacinto Benavente, porque circulaba de forma moi lenta polo seu carril. O condutor fixo caso omiso e foi interceptado polo coche policial. Ao ser requirido para a súa identificación, trátase dun varón de 56 anos de idade, nacido en Madrid e domiciliado en Vigo, comprobouse que presentaba claros e evidentes síntomas de atoparse baixo a influencia de bebidas alcohólicas.

A proba preceptiva de determinación do grao de impregnación alcohólica arroxou un resultado positivo de 1,37 mg/l de alcol por litro de aire expirado na primeira proba e 1,27 na segunda.

A continuación, os axentes comprobaron que carecía de permiso de conducir, polo que foi encartado en dilixencias xudiciais en calidade de investigado por dous presuntos delitos contra a seguridade viaria.

POSITIVO EN ALCOL. Por outra banda, esta mesma madrugada, pasadas as 5,00 horas, unha patrulla deu o alto ao condutor dun turismo tras unha infracción de tráfico na confluencia das rúas Eduardo Iglesias con Progreso, agora investigado por un suposto delito contra a seguridade viaria por atoparse baixo os efectos do alcol. O investigado é un mozo de 22 anos de idade cuxa proba preceptiva de determinación do grao de impregnación alcohólica arroxou un resultado positivo de 0,73 mg/l de alcol por litro de aire expirado en ambas as probas.