Faise pasar por un vendedor de coches de Vigo para estafar a unha inglesa en Denia

A muller comprou o vehículo por internet e perdeu 4.000 euros
Generated by  IJG JPEG Library

A Garda Civil de Pontevedra, en colaboración coa Garda Civil de Alacante, destapou unha suposta estafa e identificou a un veciño de Alacante por facerse pasar por empregado dunha empresa de venda de coches de Vigo para estafar 4.000 euros na venda dun vehículo por internet.

A investigación iniciouse por parte dun xulgado de Denia cando unha cidadá británica, fincada nesta localidade, denunciou que fora vítima dunha estafa na compra dun coche. Segundo sinalou á Garda Civil, pactara esa operación a través de internet e fixera un pago anticipado de 4.000 euros nunha conta corrente, pero non volvera a ter noticias do suposto vendedor.

A Garda Civil de Alacante iniciou a investigación e comprobou que o vendedor estaba supostamente vinculado a unha empresa fincada en Vigo, polo que trasladou as dilixencias ao Instituto Armado na provincia de Pontevedra.

A Unidade Orgánica de Policía Xudicial comezou as pescudas e constatou que o vendedor suplantara a identidade comercial da empresa, unha compañía que existe realmente e que ten unha afianzada reputación no sector automobilístico (do que se serviu o estafador para gañarse a confianza da vítima).

Así mesmo, no transcurso da investigación evidenciouse que os datos que o suposto vendedor dera á compradora non se correspondían cos da empresa á que estaba suplantando. Así, este veciño de Alacante creou unha conta de correo falsa, facéndoa pasar polo contacto dos responsables da empresa.

Ademais, tanto a factura que elaborou como os datos do vehículo que vendía eran manifestamente falsos, o que confirmou que se trataba dun armazón para cometer unha estafa. O suposto estafador foi identificado e notificado como investigado nestas dilixencias.

Comentarios