Localizan o cadáver dun home de 77 anos na súa casa en Vigo

A falta de noticias sobre el fixo que un veciño avisará á policía, que se atopou co home falecido desde facía varios días

Axentes da Policía Local de Vigo localizaron este mércores o cadáver dun home de 77 anos no domicilio no que vivía de aluguer na zona de Torrecedeira, informaron este venres fontes policiais.

Foi un veciño quen deu a alerta ao non saber nada deste home durante varios días e ao decatarse de que da súa vivenda saía un forte cheiro.

A Policía local realizou as xestións oportunas para localizar á propietaria do inmoble, quen facilitou a entrada ao mesmo aos axentes.

No interior atoparon o corpo sen vida do seu morador, J.V.I., tombado en posición decúbito lateral nun dormitorio visualizado desde a entrada da vivenda.

Ésta é unha das quince intervencións que desde o pasado sábado realizou a Policía Local de Vigo enmarcadas no ámbito do que denomina como servizos humanitarios: auxilio a anciáns ou procura de persoas extraviadas, tanto maiores como menores de idade, todas elas resoltas de forma satisfactoria.

En seis destes casos trátase de caídas en domicilios de persoas de idade avanzada ou con doenzas ou problemas de mobilidade e que viven sos ou acompañados por outra persoa que resulta incapaz de axudarlles a levantarse.

Outras catro intervencións estiveron relacionadas con persoas desorientadas deambulando pola rúa.

Comentarios