Un atropelo múltiple rexistrado este sábado nun tramo do Rali Sur do Condado saldouse coa morte dun home de 64 anos de idade e veciño de Salvaterra, segundo confirmaron a Europa Press fontes da Garda Civil. A vítima é o pai dun copiloto que participaba na proba.
O accidente produciuse ao mediodía deste sábado. Un coche participante na proba automobilística sufriu unha saída de vía ao seu paso polo lugar de Taboexa, no municipio das Neves, e arroiou a varias persoas que se atopaban nunha zona que podería estar prohibida para o público.
O sinistro deixou un falecido, Antonio G.C., veciño de Salvaterra e de 64 anos de idade; ademais de varias persoas feridas. Segundo estas fontes, o público atopábase nunha zona delimitada con cinta vermella, que indica que non está permitido presenciar a pasada dos coches desde ese punto por motivos de seguridade.
A proba non se suspendeu por desexo expreso do fillo da vítima. Antes deste tráxico accidente xa se producira outro atropelo no tramo de Arbo. Neste caso resultou ferido un fotógrafo que, do mesmo xeito que o condutor do coche, foi evacuado en ambulancia.