O número de alumnos estranxeiros da UVigo achégase a niveis prepandemia

De momento, a través de programas como Erasmus, ISEP ou convenios bilaterais, 39 estudantes estranxeiros escolleron a entidade para cursar todo o ano académico, mentres que 238 farano no primeiro cuadrimestre
photo_camera Imaxe do Campus de Pontevedra da UVigo. DP

Un total de 277 alumnos estranxeiros, de momento, pasarán este curso académico polas aulas nos tres campus da Universidade de Vigo, cifras que se achegan aos poucos ás anteriores á pandemia.

Trátase dun número que supera amplamente ao do curso pasado, en plena pandemia, cando foron 118 os alumnos estranxeiros na UVigo, aínda que aínda está lonxe dos 412 estudantes que comezaron o curso 2019-2020, aínda que os que queiran escoller esta institución académica como universidade de acollida no segundo semestre ten aínda ata o 15 de novembro para solicitalo nas súas universidades de orixe.

De momento, a través de programas como Erasmus, ISEP ou convenios bilaterais, 39 alumnos estranxeiros escolleron a UVigo para cursar todo o ano académico, mentres que 238 cursarán o primeiro cuadrimestre.

"A falta de ter o cómputo total dos alumnos dos datos para o segundo cuadrimestre, as cifras do primeiro, así como do curso completo, permítennos ser optimistas. Parece que estamos no camiño de volver á situación pre-pandemia", dixo á revista da universidade Maribel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación.

A confianza destes alumnos, segundo Doval, débese a que as mobilidades presenciais "non se pararon por parte da UVigo" e ao "despregamento de ferramentas de virtualización de ensino e uns protocolos anti Covid xa testados con demostrado éxito", que fan que estudantes e institucións estranxeiras perciban que para a UVigo a internacionalización e a colaboración con outras universidades é prioritario.

Comentarios