Persoal de limpeza do HAC protesta pola falta de traballadores e as súas condicións laborais

A CIG criticou que a concesionaria intenta manter as mesmas contratacións que había no Hospital Xeral "cando a superficie é moitísimo maior"

Persoal de limpeza do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo convocou concentracións diarias de mañá e tarde no centro hospitalario para denunciar por parte da empresa concesionaria do servizo o "incumprimento" das condicións laborais dos traballadores e para esixir máis contratacións que palíen a "falta de persoal".

Segundo comunicou a CIG, as mobilizacións arrincaron este luns tras unha asemblea celebrada o pasado venres a proposta do sindicato, que criticou que a concesionaria do servizo de limpeza, Acciona, intenta "manter" no Álvaro Cunqueiro "o mesmo número de traballadores que había no Hospital Xeral cando a superficie é moitísimo maior no novo hospital".

Así, criticou que esta situación provoca "deficiencias na limpeza" por "a escaseza" tanto de persoal como de material adecuado e reclamou máis contratacións. Ademais, tamén esixiu "garantir que se respecten as condicións laborais" dos empregados. Neste sentido, asegurou que a empresa aplica aos contratados por substitución o convenio provincial de limpeza de edificios e locais "a pesar de que teñen convenio propio de empresa". Trátase dunha "irregularidade" que a CIG trasladou á Inspección de Traballo e, a pesar de que esta "obrigou a cambiar os contratos", a medida "aínda non foi aplicada pola compañía".

Noutra orde de asuntos, a CIG-Saúde denunciou este martes a "descarada" e "agresiva campaña de captación de pacientes/clientes" por parte do Hospital de Povisa de Vigo durante o actual período aberto de elección de hospital de referencia e censurou que este centro concertado está "a se saltar os procedementos establecidos polo Servizo Galego de Saúde".

Comentarios