O plan de urxencias da presa de Baiona realizará un simulacro de sirenas por inundacións

Este martes activaranse as dúas sirenas instaladas

O Plan de Urxencias da presa de Baíña en Baiona ten programada para este martes pola mañá unha proba do sistema de advertencia por risco de inundación, coa activación das dúas sirenas instaladas. A actuación enmárcase na campaña informativa que se está realizando na localidade para informar os veciños da instalación de sirenas de aviso á poboación.

Con este fin programáronse tamén dúas charlas informativas. A primeira delas celebrouse o pasado 11 de decembro, con asistencia de membros da corporación e de asociacións veciñais. A segunda terá lugar este luns ás 17,30 horas na casa de cultura de Baíña, convocada para os veciños da zona afectada.

Previamente ao simulacro do día 18 celebrarase unha mesa técnica composta por persoal de Augas de Galicia, membros de Protección Civil e das agrupacións de voluntarios, dos Grupos de Urxencias Supramunicipais, da Garda Civil, da Policía Local e técnicos municipais.

A Xunta informou que en Galicia na actualidade hai 41 plans de urxencia aprobados, cos que se persegue ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, así como coñecer as zonas que quedarían alagadas en caso de rotura, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación como aos organismos xestores de urxencias.

Comentarios