A policía intervén nunha pelexa multitudinaria no Álvaro Cunqueiro

O persoal de seguridade manifestou que non presentaría denuncia e o conflito deuse por resolto

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. RAFA FARIÑA
photo_camera Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. RAFA FARIÑA

Varias unidades da Policía Local de Vigo acudiron a primeira hora da noite do xoves ao hospital Álvaro Cunqueiro por mor dunha pelexa multitudinaria como consecuencia dunha discusión entre varias persoas e os vixiantes de seguridade do centro, informaron fontes oficiais.

A pelexa xurdiu cando un veciño de Vigo, ao que se lle incautou un bastón coa parte inferior reforzada, co que ameazou aos implicados na discusión, acompañado de dúas mulleres, unha de Vigo e a outra de Ferrol, encaráronse cun veciño de Ponteareas de orixe alxerina.

Éste último, segundo a Policía, portaba un cable de aceiro cunha peza metálica compacta nun dos extremos, o que levou a intervir ao persoal de seguridade do hospital, o cal viuse ameazado polos implicados na refrega.

O persoal de seguridade manifestou que non presentaría denuncia e o conflito deuse por resolto.

Os axentes procederon a requisar as armas e a formalizar sendas denuncias na Subdelegación do Goberno contra quen portaban os instrumentos intimidatorios, o que lles podería carrexar unha multa de 600 euros a cada un. 

Comentarios