Miércoles. 26.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 26.09.2018
El tiempo

O Porto de Vigo insiste en que o paseo do accidente do Marisquiño é de competencia municipal

Vista da pasarela que se derrubou durante un dos concertos do festival. SALVADOR SAS (EFE) - O Marisquiño
Vista da pasarela que se derrubou durante un dos concertos do festival. SALVADOR SAS (EFE) - O Marisquiño

López Veiga móstrase disposto a comparecer se se crea a comisión de investigación 

O Porto de Vigo confirmou este venres que non revisou a zona onde se produciu o accidente do Marisquiño porque non ten "ningunha dúbida" de que o mantemento dese paseo e da estrutura sobre a que se asenta é competencia municipal. 

"Por que habería de facelo o Porto? Toda esa actuación é competencia do Concello, o Porto non revisa iso", subliñou

Así o trasladou en rolda de prensa o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, quen se remitiu ao convenio asinado a principios dos 90 sobre a actuación 'Abrir Vigo ao mar', e que recolle que será o Concello o encargado de limpar e manter "toda a actuación". "O convenio non contempla excepcións", recalcou o presidente do Porto. 

A ese respecto, e cuestionado polos xornalistas, sinalou que, aínda que o Porto ten un departamento de mantemento e revisa periodicamente as súas instalacións, non se inspeccionou a zona sinistrada. "Por que habería de facelo o Porto? Toda esa actuación é competencia do Concello, o Porto non revisa iso. Cada un ten as súas competencias", subliñou. 

López Veiga, quen indicou que "non lle constan" queixas ou advertencias polos problemas estruturais dese paseo, confirmou que o Porto está a elaborar un informe pericial "de parte" para saber "que ocorreu", e proclamou que respecta "escrupolosísimamente" a investigación xudicial sobre o accidente. 

O presidente do Porto confirmou que aínda ningún responsable portuario foi citado a declarar pola xuíza, e sinalou que todas as actuacións deste organismo se rexen polas directrices xurídicas marcadas pola Avogacía do Estado, ao ser un ente dependente da administración central.

"Claro que estou disposto a comparecer onde se me demande. Son un demócrata"

COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN NO PARLAMENTO. No entanto, o responsable da Autoridade Portuaria viguesa expresou a súa disposición a comparecer alí onde sexa requirido no ámbito político, en alusión á posibilidade de que se cre unha comisión de investigación no seo do Parlamento de Galicia. 

"Claro que estou disposto a comparecer onde se me demande. Son un demócrata, e eu si acepto que se cre unha comisión, porque son ámbitos completamente distintos, o da investigación xudicial, e o das responsabilidades políticas", proclamou. 

Con respecto ás acusacións de En Marea, Marea de Vigo e BNG sobre a existencia dun suposto pacto entre Porto e Concello, López Veiga cualificou esa aseveración como "unha bobada". "De verdade que non hai ningún pacto, aquí non se tapa nada", apostilou. 

Finalmente, con respecto ao precinto xudicial da zona sinistrada, o presidente do Porto non aclarou se este organismo actuará no paseo cando se levante devandito precinto. "Resérvome ata saber o resultado da instrución", sinalou. 
 

O Porto de Vigo insiste en que o paseo do accidente do Marisquiño é...
Comentarios