O Porto de Vigo aclara que o faro de Cíes non terá un "uso hostaleiro"

Aseguran que o acondicionarán para "mellorar e modernizar" as súas fachadas e a súa "contorna"

Faro de Cíes. DP
photo_camera Faro de Cíes. DP

A Autoridade Portuaria de Vigo aclarou este martes que o faro situado nas Illas Cíes será obxecto dunha rehabilitación pero que "non está previsto ningún uso hostaleiro" para esta edificación, como se desprendía da información que facilitaron este luns.

O Porto de Vigo "acondicionará" o faro das Illas Cíes así como "os dous faros situados en Cabo Silleiro" co obxectivo de mellorar "e modernizar" as súas fachadas e o seu "contorno".

Os que serán obxecto de estudo para "o seu posible uso hostaleiro" serán os dous faros de Cabo Silleiro, segundo informou o Porto, que "estudará" esta posible "concesión" unha vez rematados os traballos de acondicionamento.

Por outra banda, o faro das Illas Cíes verá "acondicionada" a súa fachada e "mellorado" o seu camiño de acceso ao longo do próximo ano.

Para esta rehabilitación, o Porto investirá "algo máis dun millón de euros" procedentes do Fondo de Compensación Interportuario.

Comentarios