PSA pecha a factoría de Vigo e o resto de plantas europeas polo coronavirus

O centro galego cesará a súa actividade o mércores
Un operario monta un coche en la factoría de PSA en Vigo. DP
photo_camera Un operario monta un coche na factoría de PSA en Vigo. DP

 O grupo automobilístico francés PSA anunciou este luns o peche progresivo de todas as súas plantas de produción en Europa, incluídas as españolas de Madrid, Zaragoza e Vigo, por mor da aceleración da crise do coronavirus. A clausura afecta as factorías de ensamblaxe de coches, pero tamén ás de mecánica onde se producen motores ou outros compoñentes, sinalou a Efe un portavoz. A de Balaídos cesará a súa actividade o mércores.

Nun comunicado, PSA explicou que a decisión tomada polo presidente do consello de administración e a unidade de crise débese á aceleración do número de contagios observados nas proximidades dalgúns deses centros, polos problemas de aprovisionamento e pola abrupta caída das vendas de coches. Este luns está programado o peche da fábrica francesa de Mulhouse e a española de Madrid. 

O martes sumaranse outras tres en Francia (Poissy, Rennes e Sochaux), unha en España (Zaragoza), dúas en Alemaña (Eisenach e Rüsselheim), unha no Reino Unido (Ellesmere Port) e unha en Polonia (Gliwice). 

O mércores cesarán a súa actividade as factorías de Hordain (Francia), Vigo (España) e Mangualde (Portugal). O xoves, para rematar, farano as de Luton (Reino Unido) e Trnava (Eslovaquia). 

En cada unha delas, os procedementos de peche faranse en coordinación cos representantes dos traballadores, subliñou a empresa. Outras empresas do sector do automóbil pararon total ou parcialmente a súa actividade en Europa. 

O fabricante de pneumáticos Michelin indicou este luns que suspendeu a produción nas súas plantas de Francia, España e Italia, o que afecta a 20.000 traballadores.

Comentarios