Sanidade fará outro cribado no Porto de Vigo

O Prometheus Leader abandonará a terminal pero 8 dos seus tripulantes seguen hospitalizados na cidade 
Prometheus Leader. EUROPA PRESS
photo_camera Prometheus Leader. EUROPA PRESS

Sanidade realizará outro cribado no Porto de Vigo en busca de casos asintomáticos de covid-19, e que será complementario ao cribado realizado o pasado luns, no que participaron máis de 900 persoas e que serviu para detectar 21 positivos.

Segundo confirmou a propia Autoridade Portuaria, as próximas probas desenvolveranse o martes na Lonxa de Mariscos, que se desinfectará previamente, e a previsión é citar a 200 traballadores de empresas nas que tamén traballan as persoas que deron positivo no cribado desta semana.

Por outra banda, con respecto aos buques ro-ro que estaban en corentena nas últimas semanas debido á detección de casos de covid (nun deles confirmouse a variante india do virus), o Porto de Vigo confirmou que o Prometheus Leader xa finalizou a corentena e desprazouse ao peirao de Bouzas este xoves.

Este barco, con bandeira de Singapura, irase de Vigo con desstino a Bélxica logo de cargar este xoves uns 2.500 vehículos e cambiar parte da súa tripulación (dous novos traballadores prevén incorporarse, á espera do resultado dos seus PCR). Dos tripulantes que chegaron a Vigo a finais de abril, 8 contaxiados de covid (coa variante india) seguen hospitalizados en Vigo, un deles en Uci.

O segundo barco, o Emerald Leader, xemelgo do primeiro e con bandeira de Bahamas, permanece en corentena no peirao de granito de Rande. Neste caso, aínda non se confirmou a variante do covid que afecta aos seus 10 tripulantes contaxiados (catro deles hospitalizados e o resto illados no propio barco).

Comentarios