Stellantis suspende a produción en Vigo o domingo e a mañá do luns

A crise dos microchips obrigou a paralizar a actividade na planta do que era PSA varias veces desde inicios de ano
Trabajadores en la factoría de PSA en Vigo
photo_camera Traballadores na factoría de PSA en Vigo. ARQUIVO

A dirección da planta do grupo Stellantis en Vigo (antes PSA) comunicou ao comité de empresa a necesidade de suspender novamente a produción o vindeiro domingo e parte do luns debido a problemas de aprovisionamento. Así, paralizarase a actividade nos dous sistemas de produción na xornada do domingo e na quenda de mañá do luns. 

A fábrica viguesa viuse obrigada a paralizar a súa produción varias veces desde principios de ano debido á chamada crise dos microchips ou semiconductores, que afecta ás empresas que lle fornecen este tipo de pezas. Precisamente, para afrontar este escenario de incerteza, a dirección da factoría pactou un expediente de regulación temporal de emprego (Erte) co comité de empresa (excepto CIG e CUT, que non asinaron). 

A pasada semana, a dirección de Stellantis Vigo confirmou que mantén previsións de alta "actividade" entre os meses de maio e xullo por unha demanda "maior que a prevista" e que alcanzaría unha produción ao redor dos 2.300 vehículos ao día. Está por ver se esas previsións se alteran polos problemas de aprovisionamento. 

Comentarios