O TXSG rexeita os recursos de dous investigados nunha peza da operación Patos

2019121013054780979
photo_camera Sede do TSXG. ARQUIVO

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou os recursos presentados por Enrique A.P. e Álvaro C.C., ambos os dous investigados nunha peza separada da chamada operación Patos, por supostos subornos mediante a contratación de prostitutas

Na instrución xudicial deste caso estableceuse a existencia de indicios de que Enrique A.P., xerente da construtora Eiriña, contratou e pagou servizos de prostitución para agasallar a Álvaro C.C., alto funcionario do Concello de Vigo, a cambio de obter beneficios en procesos de licitación

As defensas de ambos presentaron unha serie de cuestións previas á apertura de xuízo, que foron rexeitadas pola Audiencia Provincial de Pontevedra e, contra esa resolución, presentaron recursos de apelación ante o TSXG. Entre os argumentos esgrimidos, os recorrentes sinalaban que se fixo "unha imputación xenérica" e unha investigación "prospectiva", o que atentaba contra os dereitos de defensa. Así mesmo, reclamaban a nulidade das escoitas telefónicas. 

No seu auto, contra o que non cabe recurso, o TSXG determina que a resolución do tribunal provincial detalla "de xeito exemplar" que, dentro dunha investigación sobre a suposta emisión de facturas irregulares, unha persoa declarou que un empresario "tiña a función de conseguir concursos municipais, co conseguinte pago de cantidades de diñeiro a políticos locais e provinciais". 

A Fiscalía pide un ano de prisión para o funcionario e 9 meses para o administrador da construtora

A partir de aí, o alto tribunal galego sinala que non se trata dunha imputación xenérica, senón por feitos "concretos", e as dilixencias teñen por obxecto determinar "se o investigado e a súa empresa pagaban subornos a funcionarios públicos a cambio da irregular adxudicación de obras". Así mesmo, os maxistrados apuntan que non hai "indicio algún de que se realizou unha investigación xeral ou prospectiva". 

Con respecto á intervención das liñas telefónicas, determinan rexeitar a petición de anular esas escoitas e recordan que esta cuestión xa foi "resolta" tanto polo xulgado de instrución como pola propia Audiencia Provincial.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, polo menos en xuño de 2013 e en febreiro de 2014, o funcionario vigués, Álvaro C.C. mantivo relacións sexuais con prostitutas, que foran contratadas e pagadas por Enrique A.P. 

Na fase de instrución da operación Patos —na que se chegou a investigar a medio centenar de empresarios, políticos e técnicos—, o ministerio fiscal relacionou eses servizos de prostitución pagos ao funcionario vigués co feito de que A.C.C. interviña na valoración de gran parte das obras ás que concorría a construtora Eiriña. 

Por estes feitos, que serán xulgados por un tribunal de xurado, a Fiscalía pide para o funcionario a pena dun ano de prisión e inhabilitación para emprego e cargo público durante 3 anos. Para o administrador da construtora solicita 9 meses de prisión e inhabilitación especial para o exercicio de profesión ou industria relacionada coa construción ou coa contratación pública. 

Comentarios