A Universidade de Vigo pon en marcha a Cátedra de Feminismos 4.0

Está destinada á análise e fomento do pensamento crítico e feminista na nosa sociedade

El rector de la Universidad de Vigo, Manuel Reigosa, y la presidenta de la Diputación de Pontevedra, Carmela Silva. DP
photo_camera O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. DP

A Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra asinaron este luns no Pazo de Castrelos de Vigo, un convenio de colaboración para pór en marcha a Cátedra de Feminismos 4.0, destinada á análise e ao fomento do pensamento crítico e feminista na nosa sociedade.

"O mundo dixital e as pantallas cada vez ocupan máis espazo en todas as ordes da nosa vida, en moitos casos reproducindo ou incluso amplificando a desigualdade de xénero existente nas nosas sociedades", dixo Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

Ao solemne acto asistiron tamén o reitor da Universidade, Manuel Reigosa, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, así como representantes de diferentes organizacións feministas da cidade.

"Precísase con urxencia formar persoas expertas que esperten o sentido crítico da cidadanía e fomente usos tecnolóxicos inclusivos e igualitarios que procuren a erradicación da misoxinia cibernética", engadiu Gómez, quen sinalou a súa preocupación pola "residual presenza" de mulleres en todo o que ten que ver coa industria 4.0.

Pola súa banda, Reigosa, impulsor da cátedra, sinalou que aínda que actualmente estamos aparentemente alagados por unha "marea lila, queda moito camiño por percorrer, e de momento non chegamos nin de lonxe" a unha verdadeira igualdade de xénero, algo que só será real cando nas reunións de reitores, ou de presidentes de deputación, dixo, o 52% dos presentes sexan mulleres.

Silva sinalou que o deste luns é o acto máis importante ao que, como presidenta da Deputación de Pontevedra, asistiría neste ano 2019 e mostrouse "feliz" polo sucedido no Pazo de Castrelos.

"Estou profundamente emocionada porque estou convencida de que o futuro ou se escribe en feminino ou non haberá futuro para a humanidade", dixo Silva, quen recordou que dado que as mulleres son a metade da poboación a elas pertence a metade de todo.

Comentarios