lunes. 14.10.2019 |
El tiempo
lunes. 14.10.2019
El tiempo

Un verán para coller plástico

O grupo de participantes no programa xunto ás conselleiras. DP - Recollida de plástico nas Illas Cíes
O grupo de participantes no programa xunto ás conselleiras. DP - Recollida de plástico nas Illas Cíes

Un grupo de 120 mozos e mozas fan labores de voluntariado nas Illas Cíes para realizar traballos medioambientais

Van á praia fuxindo do barullo da cidade e refúxianse nun dos recunchos máis paradisíacos de Galicia, pero non o fan para descansar. Un grupo de 120 mozos e mozas realizan estes días labores de voluntariado nas Illas Cíes. A súa visita ao Parque Nacional non é por lecer, senón que a súa é unha loita contra os plásticos que se acumulan nos océanos, ademais doutros traballos pensados para a conservación do medio e da paisaxe do lugar.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, estiveron este mércores con estes rapaces que participan na segunda quenda do campo de voluntariado ambiental organizado pola Xunta de Galicia. Ao longo de todo o verán desenvolveranse catro campos nesta privilexiada contorna natural nos que 120 mozos e mozas galegos, doutras comunidades autónomas e doutros países, realizarán labores de conservación cos que tamén contribúen a que a candidatura Cíes-Illas Atlánticas estea en condicións de ser Patrimonio da Humanidade.

Fabiola García subliñou a importancia desta actividade coa que os participantes contribúen ao mantemento da illa ao ocuparse da vixilancia de incendios, de concienciar, sensibilizar ao visitante sobre a necesidade de respectar o espazo e de realizar intervencións puntuais de mellora no parque, en colaboración co persoal do servizo de medio ambiente. Un traballo altruísta que, ademais, se leva a cabo nun ambiente de convivencia, participación, tolerancia e solidariedade.

A conselleira de Política Social tamén destacou o traballo conxunto con Medio Ambiente que fai posible o desenvolvemento de campos como este, e anunciou que no que resta de ano ampliaranse este tivo de actividades de voluntariado en espazos naturais protexidos. Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou o traballo que os participantes están a realizar e que teñen unha incidencia directa e positiva nos océanos, ao liberalos do plástico.

Explicou que o Goberno galego está moi comprometido con este fenómeno e por iso na nova Lei de residuos se establecen medidas para frear o impacto dos mesmos. Recordou que o texto legal prohibirá a venda de vaixela dun só uso, salvo que estea composta dun 50% de material biodegradable.

Un verán para coller plástico
Comentarios