Vigo empeza a montar as luces de Nadal e Caballero advirte a Nova York, París e Tokio: "Imos ser top"

O alcalde olívico tamén manda un recado ao ministro Pedro Duque: "Preguntareille como se verían as luces de Vigo desde alí arriba"

"Que saiban os alcaldes de Londres, Tokio, Nova York, París e Berlín, que imos ser o non vai máis". Estas grandilocuentes palabras pronunciounas este mércores o alcalde de Vigo ao anunciar que xa comezaba, a tres meses vista e aínda en pleno verán, a montaxe da iluminación do Nadal na cidade.

A montaxe das luces iniciouse en varias rúas da cidade, e continuará nas próximas semanas, ata completar a ornamentación de máis de 300 rúas, fachadas, mercados municipais e outras instalacións.

A Pedro Duque: "Preguntareille como se verían as luces de Vigo desde alí arriba, porque vai ser o nadal máis top"

Así o confirmou o rexedor olívico, Abel Caballero, quen recordou que se instalarán case 1.500 motivos de iluminación nas rúas, mil arcos, bólas de Nadal xigantes, varias árbores iluminadas por toda a cidade, e diferentes motivos ornamentais. En total, Vigo contará este ano coa iluminación de 9 millóns de lámpadas Led.

Tampouco faltará a árbore xigante na Porta do Sol, que este ano terá unha altura de 31 metros, e contará cun espectáculo de luces e música, do que se poderá gozar en tres pases diarios. 

"Que saiban os alcaldes de Londres, Tokio, Nova York, París e Berlín que imos ser o non vai máis"

"Que saiban os alcaldes de Londres, Tokio, Nova York, París e Berlín, que imos ser o non vai máis. Que se preparen. As alcaldesas de Madrid e Barcelona xa nin poden competir, é natural", chanceou o alcalde, quen se atreveu a prognosticar que a cidade olívica terá as festas do Nadal "top do planeta".

GASTO. Abel Caballero asegurou que este despregamento do Nadal é "baratísimo", e recordou que o Concello adxudicou a iluminación a unha empresa nun contrato por varios anos. O gasto anual da iluminación é de 825.000 euros, un gasto que reverte na cidade, segundo incidiu. 

A ese respecto, Caballero recalcou que, o pasado ano, e grazas á iluminación do Nadal, "todos os hoteis estiveron petados", e "toda Galicia" acudiu a ver as luces de Nadal a Vigo. 

Caballero incluso aproveitou para mandarlle unha mensaxe ao ministro de Ciencia, o astronauta Pedro Duque: "Preguntareille como se verían as luces de Vigo desde alí arriba, porque vai ser o nadal máis top. Canto nos van envexar en cantos sitios! En cuestión de luces de nadal e en tantas e tantas cousas somos os mellores do mundo".

Comentarios