Vigo terá este mes ordenación urbanística provisional

Esta actuación permitirá solicitar licenzas sobre 23 millóns de metros cadrados de chan, que supoñen aproximadamente o 24% do termo municipal de Vigo
Xerencia Municipal de Urbanismo de Vigo. DP
photo_camera Xerencia Municipal de Urbanismo de Vigo. DP

A xerencia de Urbanismo de Vigo deu luz verde este venres ao informe que permite a aprobación definitiva da ordenación urbanística provisional, o cal se fará en pleno ordinario ou extraordinario antes de que finalice este mes de xullo.

"Entendemos que é unha boa noticia para Vigo", dixo en rolda de prensa a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, porque "vén resolver o problema de aproximadamente 50.000 familias que agora poderán exercer o seu dereito a edificar ou mellorar o estado das edificacións nas que viven".

Caride recordou que esta actuación permitirá solicitar licenzas sobre 23 millóns de metros cadrados de chan, que supoñen aproximadamente o 24 por cento do termo municipal de Vigo.

A titular de Urbanismo sinalou que se trata dun documento "tremendamente consensuado", xa que só 428 dos case 50.000 propietarios con dereito a alegar exercérono, o que supón un 0,9 por cento do total.

Caride aproveitou a súa comparecencia en rolda de prensa para mostrar a "sorpresa" do goberno local polo voto en contra En Marea e BNG.

"Mentres este goberno traballa para construír a cidade e resolver os problemas dos cidadáns hai dous partidos políticos, Marea e BNG, que van en contra das familias de Vigo", dixo.

Caride dixo non entender a postura do Bloque, "porque á fin e ao cabo foi pai do plan de 2008 e agora dille non ás súas propias resolucións e accións", e que lle estraña menos a de En Marea, un partido que se pasou "toda a pasada lexislatura dicíndolle sempre que non a Vigo".

En Marea explica que votou en contra porque considera que se está aprobando "un instrumento de improvisación e arbitrariedade", o que, na súa opinión, queda reflectido no polémico ámbito de Cruceiro, en Alcabre, chan urbano non consolidado que acabará legalizado unha vez aprobada en pleno a ordenación provisional.

"Ademais das irregularidades no proceso de notificación e no discutible formato agrupado de contestacións ás alegacións presentadas, a ordenación urbanística provisional constitúe un memorial de provisionalidades urbanísticas que non axudan a que teñamos unha achaiadura acorde a este tempo de post-crise do ladrillo", afirma Rubén Pérez, portavoz de En Marea.

O PP votou a favor porque "esta aprobación é boa para a cidade", dixo o portavoz da formación popular, Afonso Marnotes, nun comunicado.

"Éste é un paso imprescindible nunha cidade que leva dez anos paralizada", engadiu antes de recordar que o plan urbanístico de 2008 só foi anulado por un atraso inxustificado da súa aprobación "motivado por intereses electoralistas de Abel Caballero".

O Tribunal Supremo anulou en 2015 o Plan Xeral de Ordenación Urbana de 2008.

Unha vez aprobada en pleno a ordenación urbanística provisional empezará a correr o prazo de tres anos e medio que marca a lei para a entrada en vigor do novo plan.

Comentarios