Vigo volve suspender o mercadillo de Bouzas

O tiroteo da semana pasada mantén unha actitude de cautela por parte do Concello, que advirte que non renovará a feira ata que se perciba "un clima de seguridade total"

O Concello de Vigo suspendeu por segunda semana consecutiva o mercadillo de Bouzas, que se celebra o domingo, por "cautela" e ante o conflito existente entre os clans xitanos dos morones e os zamoranos.

O alcalde, Abel Caballero, avanzou en conferencia de prensa que, a partir de agora, as decisións sobre a celebración ou non de mercadillos na cidade iranse tomando "en función de como vexamos o clima" e das recomendacións da Policía.

"Eu creo que este domingo é bo que non haxa mercadillo aínda e, xa que logo, non o haberá", sentenciou.

Caballero asegurou que en canto as forzas da orde confirmen que existe "un clima de seguridade total, inmediatamente reactivaranse os mercadillos porque "son bos para a cidade".

Ao redor de medio centenar de vendedores ambulantes participaron onte nunha manifestación en Vigo para reclamar que se renove a celebración dos mercadillos de Bouzas e Coia, suspendidos polo Concello tras o tiroteo no que resultou ferido un membro dos "zamoranos".

O alcalde dixo que esta decisión non afecta o mercadillo dos mércores de Coia e que o domingo si se celebrará o de San Cosme, na parroquia de Zamáns.

Comentarios