A xuízo sete empresarios por explotación laboral en Pontevedra

Tiñan empregados cinco traballadores portugueses que durmían nun camión abandonado na leira na que traballaban por entre 20 e 35 euros semanais

Sección quinta de la Audiencia de Pontevedra, con sede en Vigo. ADP
photo_camera Xulgados de Vigo, sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra. ADP

A Audiencia Provincial de Pontevedra abrirá a semana que vén xuízo oral contra sete empresarios de orixe española e portuguesa, os cales se enfrontan a dous ou catro anos de prisión, segundo o caso, por un delito contra a seguridade e hixiene no traballo e outro contra os dereitos dos traballadores.

Segundo o escrito de cualificación da Fiscalía, os acusados xestionaban un negocio de explotación de madeira en Bembribe cando foron identificados a finais de 2017 nunha inspección de traballo pola Unidade Central de Redes de Inmigración Ilegal da Policía.

Os acusados, que non estaban dados de alta o Réxime Especial de Traballadores Autónomos, empregaban a cinco traballadores portugueses, os cales non estaban dados de alta no Réxime da Seguridade Social e traballaban facendo palets de madeira dez horas e media ao día, seis días á semana, sen vacacións e por un salario de entre 20 e 35 euros semanais.

Os empresarios, segundo o escrito, abusaron da necesidade e situación de vulnerabilidade dos traballadores, algún dos cales vivía na indigencia no seu país natal e trasladouse en busca de traballo a España, onde ao chegar entregou os seus documentos aos empresarios, quedando en completa situación de indefensión.

Os traballadores pasaban a noite nunha caravana ou nun camión abandonado na mesma leira na que traballaban sen as mínimas condicións de hixiene e seguridade, sen que se lles dese formación algunha sobre protección preventiva e sen prestarlles a debida atención sanitaria.

Por todo iso, a Fiscalía pide dous anos de prisión e multa de 1.800 euros para os sete acusados, e outros dous anos e 3.000 euros máis para dous deles.

Comentarios