Un xulgado condenou en 2013 o Concello de Vigo polas lesións dunha muller que caeu no porto

Elena Muñoz asegura que son varios os fallos xudiciais que deixan claro que o mantemento da zona do sinistro correspóndelle ao Concello

Tabla del paseo de O Marisquiño antes del derrumbe. EFE
photo_camera Táboa do paseo do Marisquiño antes do derrube. EFE

O xulgado contencioso administrativo número un de Vigo condenou en febreiro de 2013 o Concello de Vigo a indemnizar a unha muller que sufriu unha fractura nun ombreiro tras tropezar cunha madeira e caer no Paseo Náutico en xullo de 2009. A sentenza foi remitida este mércores aos medios de comunicación polo PP de Vigo, cuxa portavoz, Elena Muñoz, asegurou que son varios os fallos xudiciais que "din claramente" que a competencia do mantemento desta zona "corresponde" ao consistorio e que "o Concello" debería terse feito cargo destes labores. 

Esta sentenza, que recolle a denuncia dun particular contra o Concello e o Porto, cita o convenio de colaboración subscrito en 1992 pola Xunta de Obras do Porto, a Dirección Xeral de Portos, o Consorcio da Zona Franca e o Concello polo cal o mantemento lle corresponde á administración local. Así, aínda que no fallo o xulgado sinala que non se aprecia "nin temeridade nin mala fe", considera que o Concello de Vigo "incorreu en responsabilidade patrimonial" polo "funcionamento anormal" dun servizo público e condénao a abonar 4.649 euros á afectada. Ademais, desestima a denuncia contra a Autoridade Portuaria. 

Ante estas cuestións, a portavoz do PP de Vigo volveu cuestionar os motivos polos que o consistorio vigués autorizou a celebración do festival O Marisquiño nesta zona, que se derrubou e motivou que máis de 400 persoas resultasen feridas. Ademais, Elena Muñoz acusou o consistorio vigués de ocultar "información" e volveulle reclamar que faga públicos os informes de seguridade do evento.

Comentarios