A Xunta asegura que a organización do Marisquiño non rexistrou oficialmente o plan de seguridade

O informe constitúe un dos requisitos legais para obter a licenza por parte do Concello de Vigo

La plataforma hundida en O Marisquiño. DP
photo_camera A plataforma afundida no Marisquiño. DP

A Xunta de Galicia informou de que non hai constancia, por parte da organización do festival O Marisquiño, da inscrición no rexistro electrónico oficial de plan ningún de seguridade de autoprotección da Dirección Xeral de Urxencias.

Segundo informou o Goberno galego nun comunicado, trátase dun dos requisitos legais para obter a licenza por parte do Concello de Vigo.

A Administración autonómica tamén asegurou que o Concello non solicitou en ningún momento a colaboración da Xunta en materia de seguridade nin urxencia, "a pesar de ser habitual", "para os grandes eventos", requirir a presenza do camión do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Urxencias (Gali).

A Xunta indica na nota oficial que é competencia da Administración local comprobar a viabilidade do plan de seguridade presentado pola organización, facendo as comprobacións de inspección de control que correspondan.

Neste sentido, asegura que segundo a recente Lei de Espectáculos Públicos de Galicia é competencia do consistorio autorizar ou denegar a celebración dos espectáculos no termo municipal de Vigo.

Caballero insiste en que 'a zona do afundimento é zona portuaria'

"É o Concello de Vigo o que outorga a licenza de actividade e, en consecuencia, é o Concello o que debe explicar a razón pola que autorizou o concerto e demostrar que comprobou que o lugar era seguro e respectaba o aforamento", finaliza o comunicado da Xunta.

Neste sentido. o grupo municipal do PP no Concello de Vigo volveu a reclamar este martes "todo o expediente" sobre a celebración do festival O Marisquiño, e esixiu ao alcalde, Abel Caballero, que faga público o informe no que se garantía a seguridade dos asistentes a este evento: "Se non existe, o alcalde tense que marchar"

Pola súa banda, Caballero, volveu a insistir en que "a zona do afundimento é zona portuaria" e que eles cumpriron "estritamente" co que a Lei establece.

Tamén recordou que vinte días antes do festival celebrouse unha reunión de seguridade co Porto nos que se aprobaron todos os pasos a seguir. 

Ábalos pide "non entrar nunha guerra de competencias"

O ministro de Fomento, José LuIs Ábalos, afirmou este martes que o primeiro é "atender ás vítimas" e pediu ás diferentes administracións "non entrar nunha guerra de competencias". "Isto de botarse as culpas entre administracións non me parece o máis adecuado". 

Doutra banda, o grupo municipal de Marea de Vigo rexistrou este martes no Concello de Vigo unha petición de Comisión Especial de Investigación Municipal na que solicita unha serie de informes para esclarecer o ocorrido no accidente do festival. Nesta liña, a deputada de En Marea, Alexandra Fernández, presentou unha solicitude de comparecencia no Congreso dos Deputados para que a presidenta de Portos do Estado, María Ornella, "aclare a responsabilidade da institución que dirixe".

Neste sentido, a portavoz de Cidadanos en Galicia, Olga Louzao, criticou que os partidos que "participan nas inauguracións" se laven " as mans" tras o ocorrido en Vigo. "Os cidadáns esperan máis da clase política e non soamente un baile de declaracións baleiras e cheas de partidismo".

Comentarios