Blogue | A fouce

Madrí, Madrí, Madrí

En Maio de 1873 Galiza abriu as portas do mundo ao Estado
Ayuso e os seus fans en Génova, tras a xornada electoral do 4M. EUROPA PRESS
photo_camera Ayuso e os seus fans en Génova, tras a xornada electoral do 4M. EUROPA PRESS

Din que maio é o mes das flores, dos primeiros raios de sol. O mes da lingua -aínda que a lingua non debera ter un mes, nin un día, nin un ano- e tamén o mes dos novos comezos. Maio foi, hai case 150 anos, o mes no que Galiza abriu as portas do mundo a todo o Estado. Dende as Rías Baixas, o bautizado como Cable Inglés decorría polo fondo dos mares e océanos coma unha sorte de serpe inmensa e silandeira, coma unha lenda que se torna real cando baixa a marea na praia de Alcabre.

En 1873 The Eastern Telegraph Company, a empresa de telégrafo submariño máis grande do mundo, a compañía do Cable, instalaba as bobinas que aínda hoxe se poden apreciar no porto de Vigo e convertía á cidade, e por tanto a toda a comunidade, no punto de entrada a Europa dos acontecementos internacionais máis inmediatos. Todo o inmediato que se podía ser na época. O Cable Inglés comunicaba vía-Vigo todo o Estado con Gran Bretaña, América, África, Asia e Oceanía, de xeito que todas as comunicacións que atravesaban o océano pasaban polas Rías Baixas, para logo distribuirse polo mundo.

Foi unha auténtica revolución. Desa clase de revolucións que nutren ao mundo. Unha auténtica acción libertaria. Da clase de liberdades que non se utilizan para a máis pura demagoxia, confundindo e opoñendo termos como resultado dun xogo bochornoso aplaudido por un pobo desmemoriado. O termo comunismo, maltratado e mal empregado por Díaz Ayuso, foi o toque de graza dunha campaña ante a que unha patética esquerda española non soubo nin reaccionar.

Génova rebosaba triunfal tras unha xornada electoral que se converteu no centro da noticia nas últimas semanas. Porque xa se sabe, en Madrid é onde se corta o bacallau. Xa o dixo a líder da noite do 4 de maio: "España empieza en Madrid, señor Sánchez". 

E se "España empieza en Madrid" e "Madrid es España", na era dos centros e dos centralismos mal entendidos, non debemos extrañarnos de que calquera provinciano de ben acuda á chamada televisiva do Madrí, Madrí, Madrí.

Mentres, os xóvenes galegos rematan a Secundaria con escasas competencias na que, como pouco, hoxe é unha das dúas linguas oficiais en Galiza. Na privada (e non só), aumenta a febre polas linguas estranxeiras, relegando o idioma propio a un mero posto anecdótico. Un neno de seis anos aprenderá antes a dicir worm que verme. Na teoría, é o 35% do alumnado o que se afasta do vehículo máis importante para a transmisión da nosa cultura. Na práctica, é o futuro de toda unha sociedade que rexeita o propio como un instrumento igualmente válido para a comunicación, incluso fóra das nosas fronteiras. O galego, ou galego-portugués, é o quinto idioma máis falado no planeta. Galiza, Portugal, Brasil, Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique, Santo Tomé e Príncipe e Timor Oriental. Coma o Cable Inglés que unha vez partiu dende as Rías Baixas cara o mundo e que, dende as profundidades, viu xurdir a prosperidade, abrindo as fronteiras do coñecemento, sumando.

Mentres servimos de espectadores ás batallas que se libran no centro do pastel, a ameaza das eólicas faille sombra aos nosos montes, para logo levar todo o producido á capital, sen deixar rastro de beneficio nesta terra; A sanidade pública galega vírase cara a atención telemática na Primaria, mermando un sistema xa de por si castigado. E tamén, por que non dicilo, expoliado. A todos os galegos e galegas, que non a Madrí, Madrí, Madrí.

Comentarios