lunes. 21.06.2021 |
El tiempo
lunes. 21.06.2021
El tiempo

As oíntes da moralina

Levamos toda a vida pedíndolles permiso, e agora dannos as grazas
Unha fileira de mulleres no 8-M pontevedrés. DAVID FREIRE
Unha fileira de mulleres no 8-M pontevedrés. DAVID FREIRE

Cando pasou o fervor pola donación de máscaras, o efecto veneración aos sanitarios e sanitarias, aquilo de "los niños son el mayor ejemplo" e remataron os espectáculos solidarios de balcón para entreter á veciñanza; cando vai alá un ano de pandemia, que prometía un cambio a nivel social, máis solidario, máis xusto, máis humano, máis consciente, e incluso me atrevería a dicir que máis amigo, é a hora da verdade. O momento no que queda ao descuberto a cara real dun sistema que, en situacións extremas, acaba por descubrirse a si mesmo.

Non houbo nin haberá nun futuro próximo unha crise onde as mulleres non sexan sempre as que saen máis mal paradas. Porque si, amigos, o desequilibrio entre os postos ocupados por mulleres e os ocupados por homes dentro do mercado laboral segue a existir, e sobra aclarar o que lles ocorre aos empregados máis desfavorecidos en situacións de crise. Nin sequera houbo que agardar un ano para comprobar que, nesta crise, sectores coma o turismo, a hostelería, o comercio ou o ocio están a ser xa os máis afectados. Sectores nos que a man de obra maioritaria é feminina, ademais de xóvenes e poboación menos formada e dependente de contratos temporais.

O teletraballo, que ao principio foi acollido con novidade e ganas de explorar as súas infinitas posibilidades, resultou ser pouco menos que un engano para a maioría das mulleres. Máis horas na casa, menos socialización, e máis carga mental nun entorno onde se mestura o traballo doméstico que si, segue a recaer maioritariamente nelas, coas obrigas laborais. Onde quedou aquilo da conciliación?

E a violencia machista, esa lacra que nunca nos abandona, e que se expandiu libremente, coma o peor dos virus, ás súas anchas no silencio de moitos fogares durante o confinamento.

O 8-M non podía ser menos. Cuestionouse o noso sentido da responsabilidade, tentaron aleccionarnos sobre o ben e o mal, e chegouse a poñer en dúbida incluso a importancia do propio Día Internacional da Muller. A mesma crítica moralina que levamos aturando séculos, e que agora xa non poden nin agochar detrás das máscaras.

Malia todo, onde non nos prohibiron, logramos elixir se saír á rúa ou quedar na casa. Días despois dunha data que o Estado en teiro tivo a desfachatez de mirar con lupa, agora as mulleres somos un exemplo. O exemplo de que se pode reivindicar de xeito seguro, de que as filas, as distancias e as mans amigas que non se atopan lograron sobrevivir ao 8-M máis castigado dos últimos anos. E claro que o somos. Moitas non se manifestaron, por responsabilidade, e outras si o fixeron, tamén por responsabilidade. Levamos toda a vida escoitándoos, pedíndolles permiso, e agora dannos as grazas. "Grazas, boa muller, por non armar rebumbio". Que ocorrería se a manifestación do 8-M en Pontevedra cortase, por exemplo, non sei... a autovía de Marín? Ou se, outro exmplo totalmente aleatorio que me vén á cabeza, tomara a Subdelegación do Goberno? Que ían twitear?

Pode que se as manifestacións do 8-M estiveran convocadas pola escola concertada, pola policía, polos negacionistas, polos nazis, ou se se volvera concentrar unha afición futboleira e non ás mulleres, ao mellor así, teriamos a súa aprobación. Saír á rúa era unha opción, pero a elección tiña que ser só nosa.

As oíntes da moralina
comentarios
ç