Blogue | A fouce

O xénero importa

A xornalista Rosa María Calaf, antiga madriña de Xornalismo da USC, hai anos en Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera A xornalista Rosa María Calaf, antiga madriña de Xornalismo da USC, hai anos en Pontevedra. RAFA FARIÑA

Unha vez contou Rosa María Calaf: "cuando entrevisté a la mano derecha de Jomeiní, poco después de que llegara a Irán, tras la revolución iraní, fue porque acepté no mirarle nunca directamente. En algunos otros lugares tenías que estar a una distancia de determinado tipo de pasos de la persona a la que estabas entrevistando". Foi a correspondente con máis anos de traxectoria en Televisión Española, con varias décadas de carreira no exterior, informando sobre catástrofes, política e os máis diversos conflitos. Coñeceu a diferentes personalidades que forman parte da historia recente e abriu a corresponsalía en Moscú para a Unión Soviética. Viena, Bos Aires, Hong Kong, Pekín, Nova York, Roma... acumula as máis variadas vivencias de décadas e décadas informando sempre con ollo crítico e unha serena perspicacia que nunca a abandonou, nin sequera agora que, prexubilada dende hai anos, viaxa por libre. Nin sequera cando, nos seus inicios, facía información local na súa Barcelona natal.

Entrevisteina brevemente na facultade, en Madrid, cando nin sequera sabía entrevistar. Aínda que me lembrarei eu máis dela que ela de min. Arremuiñámonos media clase ao seu redor, pelexando coa mirada por soster o micrófono, e ela tiña palabras amables para todos, palabras interesantes sobre o bo xornalismo, sobre a vida, sobre o traballo. E nós asentiamos sen parar, con ese tic afirmativo que se nos contaxia aos principiantes ante unha cámara.

Julia Otero, Esther Estévez, Alba Lago ou as xornalistas desta cidade

Maruja Torres, xornalista e escritora tamén catalana, viviu uns anos no Líbano. "Cuando sucedían cosas, como asesinatos de ministros, las tiendas plantadas de Hezbolá... siempre venía gente y yo les hacía de anfitriona [...] reporteaba para mí, para mi conocimiento", dixo nunha ocasión á Jot Down. Foi correspondente de guerra no Líbano, Panamá e Israel, e tamén colaboradora de El País. Noutra ocasión contou como se tivo que refuxiar na embaixada en Panamá, en 1989, "tras la invasión USA que mató a muchos panameños y a Juantxu Rodríguez, fotógrafo que me acompañaba [...] porque los estadounidenses querían fulminar a quienes habíamos presenciado su fuego amigo y lo denunciábamos". 

Tanto Calaf como Torres foron madriñas de pasadas promocións de Xornalismo da USC, e un referente no sentido máis xornalístico da palabra.

En clave galega e unhas décadas despois, a mesma Julia Otero (Monforte de Lemos) conta cun currículo que pasa por TVE ou Onda Cero, e que culmina nun Premio Ondas en 2018. A xornalista Alba Lago (Vigo) vén de dar o salto ao prime time para presentar xunto a Pedro Piqueras Informativos Telecinco. Dende a TVG, a xornalista Esther Estévez (Verín) está a facer un gran traballo a prol da lingua galega con Dígocho eu, un programa de divulgación que vén de recibir un premio Mil Primaveras pola súa posta en valor e fomento do galego. Estévez foi, por certo, estudante da USC. Mesmo moitas compañeiras con anos de experiencia nas trincheiras do papel nesta cidade, ou de calquera xornal galego, serían dignas madriñas con moito que dicir e ben capaces de inspirar a toda unha nova fornada de xóvenes xornalistas.

E confeso que, aos 20 anos, cando aos estudantes da miña xeración nos deixaron conceder os premios Metacomunicación na facultade da Complu na que estudei, en grande medida deliberamos máis pensando en coñecer ao famoso que ao xornalista que había en cada premiado. De xeito que fixemos desfilar polo salón de actos da facultade á mesmísima Pepa Bueno, a Matías Prats, e conectamos por vídeo con Jordi Évole. Pero tampouco é que perderamos o norte, nin moito menos.

Falando do estrelato televisivo, foi precisamente Rosa María Calaf quen dixo (permitídeme de novo a cita): "en el momento en que mezclas géneros empiezas a desorientar a la persona que te está viendo, esa frivolidad te lleva a perder credibilidad". María Patiño (Ferrol) é unha estrela, unha líder absoluta no eido do entretemento mais, con todo o respecto, non do xornalismo. Só neste caso, o xénero importa.

Comentarios