Blogue | Non tes tu fe

Comentario de texto

SEGURO que chego tarde para lembrarlle á CIUG que aínda mantén unha débeda histórica con Marta Veiga Izaguirre. Ogallá en pouco máis de 24 horas teña que engulir estas palabras porque no exame da Abau de Lingua e Literatura Galega, que se celebrará esta mércores, se teña incluido un texto da xornalista cántabro-luguesa con ascendencia na Terra do Medio. Ogallá. Despois de tantos anos agardando, prestaríame máis esa inxesta que unha boa ración de churrasco.

Pero mentres, igual é pedir de máis, conformaríame con que a rapazada entendera que a lingua, en todos os idiomas, serve, precisamente para criticar, debatir e enfrontarse dialécticamente con argumentos serios a posturas a priori insostibles reflectidas nun papel. Pasou en La Rioja, onde nesta mesma proba denunciaron un texto de Almudena Grandes presuntamente tránsfobo, pois estaba descontextualizado. Pero máis dunha persoa, en vez de usar as técnicas supostamente aprendidas  para rebatir o que lle parecía que cuestionaba a súa identidade trans, preferiu lanzar unha convocatoria en Twitter para xuntar apoios e presentar unha queixa formal. Será que non entenderon que o exercicio vai, precisamente, de responder coa palabra e non cunha perrencha en Internet.

comentarios