Blogue | Non tes tu fe

Ez dago mugarik

Tanxugueiras, no concerto celebrado o pasado 28 de novembro no Pazo da Cultura, co auditorio ateigado. RAFA FARIÑA
photo_camera Tanxugueiras, no concerto celebrado o pasado 28 de novembro no Pazo da Cultura, co auditorio ateigado. RAFA FARIÑA

PASARON OITO meses, sigo sen ter fe e moitas dúbidas sobre a que dedicarlle o primeiro artigo desta nova etapa, na que seguimos en pandemia, na que todo cambia case a diario (ola outra vez, novos protocolos), pero que, no fondo, todo sigue igual ata que poidamos saír destas areas movedizas.

Pensei en falar desas farmacéuticas que choran por ter que vender a perdas, supostamente, test de antíxenos despois de meses lucrándose con este produto. Ou desas outras que se atreveron a cobrar (ou alomenos a anuncialo) por dispensar en papel o certificado covid para tratar de disuadir aos grupos de mozos que colapsaban a súa botica esixindo un papeliño que lles servise de pasaporte directo aos bares na noite do sábado. Será ilegal ese cobro, pero eu pediríalles o dobre. Por estorbar e pasar da aplicación do móbil. Seguro que para outras cousas ben que saben utilizalo.

Pensei tamén en escribir sobre ese-tenista-del-que-usted-me-habla. Ese ao que botaron de Australia cunha patada no cu por soberbio e mentireiro. E por pretender saltar as normas pola súa cara. Ese ao que xa lle avisaron de que non achegue a Francia mentres non se vacine. Ese mesmo ao que, instantes despois, xa lle estaban a poñer a alfombra vermella na capital de España porque sería "un gran reclamo" para o Open de Madrid. Non sería de estrañar, se xa estivo en Marbella pese a que, segundo a lei, non podería ter atravesado a fronteira. Pensas que o tes todo pero non tes na.

Tanxugueiras ben merecen ir a Eurovisión (e triunfar)

Ez dago mugarik. Non hai fronteiras. E debería habelas, para negacionistas como este e para toda esa xente que pensa que pode facer o que queira agochada detrás da súa fama ou dos seus cartos.

Ez dago mugarik. Non hai fronteiras. E non debería habelas para a xente de ben e para a (boa) música e a concordia. Por iso unha das mellores noticias dos últimos tempos é o auxe das Tanxugueiras. Aínda lembro cando Águeda nos descubría hai catro anos, polo menos, a tres rapazas pandeireteiras e eu, confeso, non me sentín especialmente emocionada. Xa me gustaron un pouco máis cando escoitei o Que non mo neguen como banda sonora do moi recomendable podcast As Womansplainers. Con Midas e Figa namorei totalmente.

Por iso é todo un orgullo pensar no que cambiou o conto nos últimos meses. Daquel concerto na Ferrería, no mes de xullo, cun pequeno e respectable auditorio e unha posta en escea simple pero impecable, ao trallazo da fin de xira, en novembro, no Pazo da Cultura, cando xa non quedaba dúbida de que son unhas auténticas xefas. Por artistas e por mulleres de pelo en peito e sen pelos na lingua. E a todo isto hai que sumarlle o impagable pulo que un temazo como Terra pode facer pola música tradicional galega e pola nosa lingua (aquí xa non entremos en comparacións), porque os idiomas están para unir e non para separar. Aida, Olaia e Sabela entraron pola porta grande na selección do Benidorm Fest e agora só falta que os xurados teñan o bo siso de mandalas directamente a Turín.

E aquí sería onde se pecha o círculo. O anterior artigo desta sección publicouse o 25 de maio de 2021 e tiña como protagonistas aos Måneskin, a banda italiana que viña de gañar uns días antes a edición número 65 do Festival de Eurovisión. Foran os meus favoritos, aínda que lle andaba preto o grupo ucraíno Go_A, co tema SHUM, que por uns minutos nos fixera soñar en ver nun escenario coma ese a Baiuca, a Rodrigo Cuevas ou, efectivamente, ás Tanxugueiras. Meses despois a oportunidade está servida. E ben merecida.

Comentarios