Blogue | Non tes tu fe

Fraca, gorda ou moreniña

Imaxe do clip de Fame de Odio, de Tanxugueiras. DP
photo_camera Imaxe do clip de Fame de Odio, de Tanxugueiras. DP

"Fraca, gorda ou moreniña, de pel branca ou ben planiña...", comeza Fame de odio, un dos novos temas de Tanxugueiras que, entre outras cousas, é toda unha oda á diversidade de corpos e unha inxección de autoestima como hai poucas.

Coincidiu casualmente no tempo e consegue, diría eu, o obxectivo que perseguía a famosa campaña do Ministerio de Igualdade El verano también es nuestro, que tivo a mala sorte de facerse máis famosa polo mundo enteiro polo desastroso proceder da autora do cartel, que utilizou imaxes de mulleres sen permiso e, aínda por riba, retocadas.

Foi a excusa barata que señoras e señoros utilizaron para atacar directamente á idea inicial e, faltaría máis, á ministra Irene Montero. Porque si, o modus operandi do cartel non hai por onde collelo, pero o fondo da cuestión non ten discusión.

O canon de beleza, para nosoutras, segue sendo un corpo estilizado, de pel bronceada, sen celulite nin estrías e, por suposto, perfectamente depilado segundo a moda do momento (que non inclúe pelos nas axilas, non). Todo o que non sexa iso fai de nós unhas víctimas potenciais da violencia estética, unha lacra que con cuarentaetantos igual se vai levando, pero con 14, 20 ou 31 pesa máis que unha lousa. E que non saiba o que é isto, alomenos que non o negue.
 

Comentarios