sábado. 14.12.2019 |
El tiempo
sábado. 14.12.2019
El tiempo

A lingua do máis alá

Cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, no concello lugués de Paradela. AEP
Cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, no concello lugués de Paradela. AEP

SÓ UNHA de cada mil lápidas en Galicia está gravada en galego. Só dúas de cada cen esquelas nos xornais -e nos postes da luz e taboleiros das aldeas- se escribe en galego. Con este panorama, que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística leva tratando de cambiar desde hai máis de vinte anos, non é de estrañar que a morte e todo que o rodea ao rito funerario sexa a expresión da diglosia elevada á máxima potencia.

Cando eu era pequena, unha das cousas máis exóticas que podería chegar a ter visto era unha persoa maior falando castelán. Na aldea, desde logo, nunca se vira tal cousa, agás a excepción que confirma a regla, Dora, que aínda hoxe, décadas despois de vir desde Salamanca, conserva non só o idioma materno, senón tamén o sotaque. Desde logo ningunha das vellas de mandil e pano na cabeza nin ningún dos vellos de pucha negra e partida de dominó os domingos pola tarde tiña por costume falar castelán, agás cando ía ao médico ou, quizais, ao pueblo a facer compras ou recados (enténdase pueblo como Pontevedra capital).

Tamén o pronunciaban na misa, cando por fin deixou de oficiarse en latín. Cando perdín o costume de asistir regularmente a estes eventos (e xa choveu), poucas veces os tiña escoitado en galego. E tamén o pronunciaban nos pésames ("te acompaño en el sentimiento"), mudando o idioma habitual por un instante como cando as rapazas xogabamos ás películas e falabamos en castejano para darlle máis nivel á dramatización. (Nunca agradeceremos o papel tan importante para a normalización que tivo J.R. -perdón, X.R.- con aquel "Estás bébeda, Sue Ellen?").

Total, que xente que falou toda a súa vida en galego acababa sendo velada e soterrada en castelán, con esas lápidas que pechan o portelo do máis aló ben gravadas no idioma de Cervantes. E sempre pareceu do máis normal.

Cada mes de outubro, nas vésperas do Día de Defuntos, a citada asociación de funcionarios reactiva a campaña En galego, agora e sempre. É unha das teimas do seu presidente, Xosé González, que en 2013 logrou que trece entidades asinasen unha declaración para restaurar a memoria lingüística, tamén nos camposantos. Seis anos despois as cifras ás que aludía no primeiro parágrafo seguen sendo as mesmas.

González adoita referirse ás "parroquias de vivos e parroquias de mortos" para destacar este contrasentido que se dá na nosa terra e que non ten réplica, como tantas outras cousas, nin en Cataluña nin en Euskadi, por exemplo.

Hai uns días quedei abraiada cun titular que falaba dun cemiterio galego no que todas as súas lápidas están escritas no idioma de Rosalía (de Castro). É o de San Facundo de Ribas de Miño, no concello lugués de Paradela. Quedei como se vira un ovni, pero o certo é que esta necrópole ten apenas unha ducia de tumbas. Por algo se empeza. Neste caso foi hai un cuarto de século, cando se levantaron os restos do antigo camposanto para crear un novo nun lateral. Foi un técnico da Xunta -Administración, que, cousa rara, segue apoiando a iniciativa- quen fixo a proposta.

Un pequeno grande exemplo que debería ter réplica en moitos outros cemiterios galegos. Falta pedagoxía, certo, pero tamén normalización. Moita, porque pedirlle unha lápida en galego á funeraria fai que os tempos de espera se multipliquen mentres cruzamos os dedos agardando non ver ningunha castrapada. Porque calquera día aínda vai ter que aparecer a Santa Compaña para dicirnos que si, que aló tamén falan galego.

A lingua do máis alá
Comentarios