Blogue | Non tes tu fe

Animais que lixan as praias

Unha praia do litoral pontevedrés no inverno, cando está permitido o acceso a cans como o da imaxe. CEDIDA
photo_camera Unha praia do litoral pontevedrés no inverno, cando está permitido o acceso a cans como o da imaxe. CEDIDA

A SEMBERE gústalle ir á praia. Non usa bañador, nin gorra, nin protector solar, e tampouco leva o caldeiro co angazo nin as pás. Tampouco pide xeados de chocolate nin pregunta se xa se pode bañar despois de merendar. Nin sequera fai castelos de area cando baixa a marea. Só, ás veces, leva unha pelotiña, para divertirse xogando e correndo detrás dela como calquera rapazolo de oito anos. A diferenza é que Sembere non se convertirá nunha estrela do balompé nin do voleypraia porque é un can.

E por iso tampouco pode pisar case nunca os areais que converten a nosa costa nun paraíso para os sentidos. Nalgúns concellos (oh, grazas!) déixanlle chegar á praia sempre que non sexa entre maio e setembro, suponse que cando os humanos temos preferencia, pola nosa cara bonita.

En Galicia hai nove areais para cans, seis deles en Pontevedra

As escusas que poñen os que mandan, para prohibir a presenza canina nestes espazos públicos pasan por facerlle caso á Lei de Costas, que vixila a boa salubridade das augas e a seguridade nas praias. Tamén se alude o lixo que xeran os mellores amigos do home (e da muller).

Entón non é de estrañar que a indignación medre coma a escuma cando cada 24 de xuño, por poñer un exemplo, se reproducen esas vergoñentas imaxes de praias cheas de lixo ata os topes. "Sobra decir que esto nos cabrea, y mucho -queixábanse onte as boas xentes dos Palleiros nas redes sociais-. Año tras año pasa lo mismo. Si vas con tu perro a la playa, 300 euros (de multa) y tienes que escuchar a alguna gente lindeces, si los humanoides dejan así la playa... que bien se lo han pasado... VERGÜENZA!!!".

A fotografía á que aludían en cuestión pertencía á praia do Orzán, na Coruña. Entre esta e a de Riazor os servizos de recollida de lixo retiraron durante a mañá do San Xoán 52 toneladas de porcallada, segundo dixo a alcaldesa en Onda Cero. Sexamos optimistas, outros anos pasaban de cen. Máis de 50.000 quilos de ciscallos que acabaron nos camións, pero a saber canta merda arrastrou o mar (que como xa ten pouca...).

A cidade herculina non foi a única. O Ayuntamiento de Las Palmas de Gran Canaria, conta tamén Efe, despregou na madrugada de onte un dispositivo especial con 124 operarios e 47 máquinas para limpar a praia de Las Canteras e o seu contorno trala mesma celebración. O balance: 11.120 quilos de residuos recollidos, 110 litros de desinfectante aplicado e 280.000 litros de auga utilizada para baldear todos os espazos públicos afectados.

En Baleares, o Ayuntamiento de Palma recolleu case 13 toneladas de lixo entre o Sant Joan nas praias e a celebración do ascenso do RCD Mallorca a Primeira División (un saúdo ás amigas deportivistas). O mesmo pasou nos areais de Málaga, Alacante ou de tantas outras localidades costeiras.

Seguramente en ningunha desas celebracións había ningún can ou cadela. Porque a súa presenza está prohibida nas praias. En Galicia só hai nove nas que si se permiten, seis delas na provincia de Pontevedra: O Espiño e O Portiño (San Vicente do Mar, O Grove); Cunchiña en Cangas (as de A Congorza e Lagoelas pecháronlles as portas); Cesantes e Chapela, en Redondela; O Castelete, en Vilagarcía, e A Foz e A Calzoa, en Vigo. Porque, digo eu, se podemos compartir espazos en parques e beirarrúas tamén poderiamos ir xuntos á praia. Que a min non me gustaría nada que un can pingando sacudise o seu pelame á beira da miña toalla, igualiño que aborrezo a esa xente tan civilizada que che bota o fume do seu cigarro na cara, porque fumar na praia é un dereito inalienable, seica.

Comentarios