Blogue | Non tes tu fe

As cores do cancro

Os laciños rosas son un clásico o 19 de outubro. J.CERVERA
photo_camera Os laciños rosa son un clásico o 19 de outubro. J.CERVERA

Chega o 19 de outubro e ata aos camelios da Ferrería lle saen uns tules de cor rosa. Abro a caixa de correo e salpícanme varias mensaxes de diversas marcas animándome a poñer ou meu gran de area previa compra dalgún produto do que sexa que despachan. Nas revistas sucédense as imaxes de famosas co seu millor sorriso e camiseta rosa, ou pano na cabeza, rosa tamén, invitándote a comprar (outra vez) pulseriñas rosas contra a enfermidade, por non falar dos ominipresentes laciños... da mesma cor. Seica o cancro de mama é rosa. Rosa como os chicles de fresa, como o auto deportivo da Barbie, como Sky a da Patrulla Canina ou como o chándal favorito da miña filla. E se o cancro de mama é rosa, de que cor son os demais? Será que o cancro de próstata é azul marino? E o de fígado verde botella? E o de pulmón, máis ben gris marengo? 

Non me soa para nada que todos eses tumores teñan vencellada unha cor, será porque non son enfermidades (case só) de mulleres. E as mulleres, xa se sabe, rosa. 

En España unha de nós morre de cancro de mama cada 90 minutos. Cada ano diagnostícanse 32.000 novos casos neste país. A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que cada unha de cada oito terá cancro de mama ao longo da súa vida. Unha de oito. Unha da túa familia, da túa pandilla de amigas, do equipo de traballo, do grupo de nais da escola,.. Unha lotería. Case nada. 

A taxa de supervivencia desta enfermidade en España é do 90%, pero aínda así, pese aos avances, segue sendo o tumor con maior mortalidade entre as féminas. 

Chegadas a este punto, quero entender o sentido de todas estas accións levadas a cabo por entidades tan necesarias como a AECC ou Adicam, un verdadeiro apoio para as vítimas da enfermidade e para as súas persoas cercanas.

Agora si, estaría ben que loitar contra o cancro non fora sinónimo de laciños e mans pintadas que só quedan bonitas na foto. Para a abraiante idea de Sogama de repartir minicolectores rosas para visibilizar a enfermidade xa non teño palabras.

Menos rosa, menos campañas de postureo e máis investigación

Na loita contra o cancro de mama o primeiro é non votar aos partidos que destrúen a sanidade pública. Tamén sería conveniente non comprar produtos alimenticios, de limpeza ou hixiene persoal con axentes canceríxenos e tamén, moi importante, conviría promover máis a lactancia materna de longa duración, unha protección ao alcance de todas (as nais) e, ademais, de balde. 

Nin os laciños nos perfís de facebook, nin os post publicitarios compartidos, nin as ínfimas porcentaxes que prometen desviar a investigación as marcas que aproveitan esta data para apelar ao corazonciño en nome do capital, son suficientes. O que fai falla é investigación, recursos e máis investigación. 

Non fialo todo a que nós mesmas teñamos que andar palpando as tetas a ver se atopamos algo raro (de feito, hai varios estudos que dan fe de que esta práctica non só é inútil para detectar a enfermidade, senón que causa danos) ou a que nos chamen para aplastalas no aparello ese superada xa a barreira da menopausia. E antes? 

Tampouco vale responsabilizar á enferma se a súa "loita" e o seu "sacrificio" na "batalla" non dan os froitos desexados, pois a loita sería de toda a sociedade por ter unha Sanidade pública ben financiada e unha Administración que destine todo o posible (e máis) á investigación. 

Fiorella Liset teno claro. A súa delgadez, as súas olleiras e a súa calva non teñen nada de rosa. Ponse (aínda máis) enferma vendo como empresas se lucran a costa da súa enfermidade e se disfrazan de solidarias destinando á investigación doazóns ridículas. Por iso advirte de que é moi importante saber con quen colaborar para que a boa fe teña un resultado satisfactorio. É o caso de asociacións como Save de mama: os produtos que venden para recaudar fondos íntegramente para investigación son máis ben negros, non rosas. Pois iso. Outubro rosa? Menos postureo e máis investigación.

Comentarios