Blogue | Non tes tu fe

Cuestión de método

Un sanitario en primeira liña na loita contra o coronavirus recibe a vacina de Pfizer-BioNTech en California (EE UU) o pasado venres. EUROPA PRESS
photo_camera Un sanitario en primeira liña na loita contra o coronavirus recibe a vacina de Pfizer-BioNTech en California (EE UU) o pasado venres. EUROPA PRESS

"¿QUÉ QUEREMOS? ¡Una vacuna! ¿Cuándo la queremos? ¡Lo antes posible! ¡Ya está lista! ¡Fue demasiado rápido, no confío!". Seguro que vos soa este diálogo, que lle pon voz a unha desas viñetas de humanoides vociferantes que tan ben reflicten a certa parte da sociedade, esa mesma que podería pasar por ser "os do non", como diría aquel.

Contamos os días para que chegue a famosa vacina, esa mesma que promete empezar a poñer fin ao pesadelo da pandemia, sabendo que, a pesar de todo, quedan meses por diante, como mínimo, para recuperar a normalidade, se é que algún día podemos volver a aqueles tempos que parecen do pleistoceno pero dos que apenas nos separan dez meses. Lembrades o Entroido? Si, admito que en Poio lles quedaron algúns bechos por arder na fogueira, pero en xeral puidemos celebralo como se na outra punta do planeta non empezara a estourar a bomba pandémica. Mesmo disfrazados de coronavirus! Vaia brincadeira!

E dez meses despois, tocamos coa punta dos dedos ese remedio, ese medicamento que supón unha esperanza para unha poboación sumida nesa fatiga pandémica, como lle chaman os entendidos, que seica está detrás de que xa nos dea todo igual, de que tiremos coa máscara, saltemos os peches perimetrais ou nos xuntemos sen ter en conta os xeroglíficos da desescalada mentres cada día vai aumentando, paseniño, a cifra de vítimas mortais e a daquelas persoas que, pese a superar a enfermidade, seguirán arrastrando as secuelas quen sabe ata cando.

Que pasaría se a nosa Margaret Keenan fose Salvador Illa?

Para min, que queren que lles diga, paréceme unha noticia excelente, pensando sobre todo en todos eses heroes e heroínas que levan pelexando coa covid desde a primeira liña. En todos os maiores e as súas familias, que apenas puideron verse en todo este tempo máis que a través dunha pantalla de teléfono ou dun cristal, no mellor dos casos. En todos aqueles que xa non poderán contalo.

Por iso a vacina é unha boa noticia. Pero si, aí os están, coma sempre, os agoreiros. Os mesmos que cuestionan a rapidez do invento, a súa eficacia e os seus efectos secundarios (febre? frío? mareos? dor muscular no lugar do pinchazo? Hai resacas peores, por favor, e que che acerte un lóstrego non é un deles), efectos que son os mesmos que asumen os bebés varias veces no seu primeiro ano de vida. Chámase evolución.

Eses mesmos que cuestionan todo iso son os mesmos que din, co peito ben inchado, que non van exercer de coelliños de indias e que, se tan contentos están, que se vacinen primeiro os políticos. Imaxinades que pasaría se tal cousa sucedese? Se a foto da nosa Margaret Keenan a protagonizase Salvador Illa en vez dunha velliña da Fonsagrada?

E despois está o asunto da rapidez. Se para algo serviu todo isto foi para comprobar que, efectivamente, se a comunidade científica, a clase política e os cartos se poñen de acordo, un fito coma este é posible. Aínda que non todas sexamos expertas no método científico e aínda que (parvas non somos) as farmacéuticas non sexan unha ONG.

Comentarios