Blogue | Non tes tu fe

Un exemplo para o mundo

Un triatleta recibe os aplausos do público ao seu paso pola praza da Peregrina o pasado sábado. RAFA FARIÑA
photo_camera Un triatleta recibe os aplausos do público ao seu paso pola praza da Peregrina o pasado sábado. RAFA FARIÑA

VALE, CONFÉSOO. Toda esta historia do Mundial de Tríatlon quedábame tan fóra da axenda como un concerto de Pablo Alborán. Non é un deporte que centre os meus desvelos, precisamente, máis aló de seguir puntualmente as xestas de Javier Gómez Noya (todo o bo que poidamos dicir del queda ben escaso) e descubrir non hai tanto a Pablo Dapena e Saleta Castro. Pontevedra calidade.

Soábame como un eco lonxano que para as que non estabamos moi atentas se reducía a puntuais recordatorios na prensa ou nas redes. Mesmo torcín o bico cando o almanaque que agasalla o Concello cada inicio de ano estaba dedicado integramente (integramente!!) a fotografías deste deporte, supoño que das probas que se celebraron o ano pasado na cidade, que supostamente eran o ‘gran ensaio’ e que, polo que lembro, causaran bastantes contratempos entre a veciñanza polas consecuencias dos cortes de tráfico. Bendito ensaio.

De Australia, de Xapón ou de Estados Unidos... Moitos volverán

Así que, cando por fin chegou o mes de abril de 2019, no último no que eu estaba pensando eu era no ITU Multisport 2019.

Ata que chegou. Ata que chegaron e nos invadiron, no mellor dos sentidos, milleiros de persoas chegadas de máis de 50 países de todo o mundo. E Pontevedra non era, precisamente, unha cidade allea ao turismo, pero o que pasou esta semana é punto e á parte.

Quixera saber eu tamén a que santo (ou santa) lle rezaron Fernández Lores, Anxos Riveiro e Jaime Agulló, cabezas visibles dunha fantástica organización, para que a meteoroloxía fora inmellorable, xusto entre o temporal que as vésperas da inauguración facía palidecer aos deportistas estranxeiros máis madrugadores e as chuvias desta semana. Non creo que lle rezaran a Santa Clara, agora que xa non hai a quen levarlle os ovos.

Unha vez superada, con nota, esa circunstancia que non depende da organización, todo o demais estaba nas súas mans. Nas do medio milleiro de persoas que se volcaron na loxística que ten aparellada un evento de tal magnitude e nas da propia cidade, que soubo responder ao reto.

Xa me gustaría saber tamén a cantidade económica que puido mover o Multisport, porque foron 4.000 deportistas, aos que hai que sumar, nalgúns casos, familias enteiras, os que durante varios días se aloxaron, comeron e fixeron as súas compras na cidade e na súa área. E non só iso, senón que en moitos casos a descubriron como a pequena xoia da arquitectura, a gastronomía, a hospitalidade e a paisaxe que é. Toda esa xente, chegada de Xapón, Australia, Estados Unidos, Rusia ou Brasil, por poñer varios exemplos, quedou con ganas de volver. As caixas rexistradoras seguirán facendo clin clin. Seguro.

Quero pensar que a hostalería pontevedresa respondeu como merece unha oportunidade coma esta, pero tamén o fixo, sen dúbida, a propia cidadanía.

Despois dunha semana mirando que bonitas quedaban as bandeiras multicores na ponte dos Tirantes, asexando as probas previas ou asistindo aos concertos da praza da España, que non tiveron que envexar aos das festas de agosto, quedaba a proba de lume. E a cidade cumpriu. Un sábado de sol e calor no que as rúas do percorrido das probas do tríatlon de longa distancia se encheron de veciños, pero tamén de visitantes chegados de todo o mundo coas súas bandeiras e os seus berros de ánimo en diversos idiomas. Un escaparate inmellorable que deixa á cidade e á organización nun podio difícil de superar despois da cativeza que supuxeran as dúas primeiras edicións deste macroevento en Canadá e Dinamarca.

Comentarios