Blogue | Non tes tu fe

Moito máis que unhas luciñas

RAFA Inauguracion del alumbrado de Navidad en A Ferreria. Musica, fiesta, arbol A Ferreria y arcos de la Oliva. Tambien bola de Daniel de la Sota, arbol de Benito Corbal y lo que os encontreis que os haga tilin.
photo_camera Nenos pontevedreses disfrutan das luces de 2019.RAFA FARIÑA

CANDO ERA cativa, nun pasado bastante pretérito, o meu aniversario quedaba a anos luz do Nadal. (Non coma este ano, que chantei as candeas nun deliciosísimo panettone de Amásame bakery lab). De feito, xa era unha boutade poñer a árbore na ponte de decembro. Unha das lembranzas máis apegadas á memoria é a de facer tal cousa o mesmísimo día 22, coa banda sonora do soniquete de Gabilondo (Iñaki, non o irmán invisible que seica está na oposición na CAM) no sorteo da Lotería de Nadal. Por non dicir aqueles anos nos que aínda subiamos ao monte, en plenas vacacións, a cortar un pequeno piñeiro ao que chantarlle boliñas de porespán nos picos das follas para simular unha nevarada que só viramos unha vez na vida. (Pido perdón polo infanticidio arbóreo). Agora, o raro é non ter posto xa a árbore luminosa e demais decoración na casa a golpe de mediados de novembro, non digo xa en locais comerciais (nos que quedan abertos despois do tsunami pandémico).

A estas alturas, ademais, xa podemos ver na ampla maioría de cidades e vilas os arcos aínda apagados que anuncian que a época máis máxica do ano está por chegar.

Nin o Grinch sería tan cruel para querer apagar a iluminación da rúa

Admito que ata non hai moito tempo este cambio nas rúas non me supoñía nada máis que a constatación do inexorable paso do tempo no calendario, ao igual que os mupis nos que se anunciaba a programación cultural e de lecer (tempos aqueles) ou ver a xente con luvas e bufandas.

Pero dun tempo a esta parte, e sen necesidade de cruzar a ponte de Rande, confeso que me chego a emocionar cando vexo acenderse esas luces de cores, eses arcos que dan alegría a rúas sumidas na luz dos farois convencionais, esas bolas nas que podes entrar ou esas árbores altísimas, sempre que non sexan como o adefesio aquel da Ferrería que todas preferimos non lembrar agás para pensar que calquera tempo pasado puido ser peor, unha sentenza que agora parece brincadeira. Quizais, quen sabe, este cambio de sentimento teña que ver coa maternidade.

Porque poucas cousas tan sinxelas provocan máis ilusión nas cariñas infantís que vivir en directo o acendido das luces, ese que anuncia que xa queda menos para as vacacións do Nadal e que non nos vaia pillar o touro sen ter escrito as cartas a Papá Noel, aos Reis Magos e ao Apalpador. Xa saben, non se poden poñer todos os ovos na mesma cesta.

A estas alturas aínda non sabemos moi ben que pasará de hoxe nun mes, nesa noite máxica que, tanto para quen festexa o nacemento de Xesús como quen celebra poder estar rodeado dos seus seres queridos, ten un importante significado. Non sabemos se poderemos cear con nais, pais, irmás ou avós, con sobriños ou con parellas coas que non convivimos. Descoñecemos se teremos que poñer a máscara entre bocado e bocado de bacallau ou vieiras, se haberá que chantarlle o dente ao turrón a unha distancia de seguridade prudencial da persoa máis achegada ou se, meu deus, poderemos brindar nun bar polo aninovo. E que non falte a comida na mesa. Segue sendo unha incógnita o sistema que usarán Melchor, Gaspar, Baltasar, Santa Claus e o vello do Caurel para poder saltar o peche perimetral e deixarlles os agasallos a esas crianzas que durante estes meses nos deron unha enorme lección de como asumir, sen saltar unha soa norma, que o virus nos cambiou a vida.

Por iso me parecen mesmo unha falta de respecto esas críticas ao gasto (supostamente elevadísimo) nas luces, apelando a un criterio economicista en plena crise, que, non obstante, parece non ter en conta que as persoas das empresas que nos enchen as rúas de luz e cor tamén teñen familias que alimentar, ao igual que a xente da música, dos espectáculos e mesmo das actividades de animación que este Nadal se antollan imposibles. E critican as luces. Nin o mesmísimo Grinch lles chega ao calcañar.

► ARTIGO PUBLICADO NA EDICIÓN IMPRESA DE DIARIO DE PONTEVEDRA DO MARTES 24 DE NOVEMBRO

Comentarios