Blogue | Non tes tu fe

A regra: iso que doe e sae caro

Unha peza da exposición 'O noso sangue'. CRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Unha peza da exposición 'O noso sangue'. CRISTIAN FERNÁNDEZ

O XAMPÚ é un produto de hixiene. Masculina e feminina. Igual pasa co xabrón, co desodorante ou coa pasta de dentes. Á parte disto, no neceser caben moitas máis cousas, que tamén podemos usar nós ou eles, dende crema hidratante a perfume, dende leite corporal a acondicionador para o cabelo. Tamén a maquillaxe. E maquiniñas de afeitar. E resulta que, ata o uso das maquiniñas de afeitar (ou de depilar) é opcional. Pero ese é outro tema. O que si seguro, segurísimo, que non é opcional, son os produtos de hixiene feminina. Fe-mi-ni-na.

Resulta que a semana pasada soubemos que Escocia ultima unha lei para ofrecer tampóns e compresas de balde, unha medida que costará 24 millóns de libras anuais ás arcas públicas (uns 28 millóns de euros). Sería o primeiro goberno do mundo en levar adiante unha decisión deste tipo, que logrou o apoio practicamente unánime no Parlamento.

O obxectivo é que todas as mulleres, independemente da súa idade e condición social e económica, poidan acceder se problemas a estes produtos que durante catro ou cinco días ao mes son tan imprescindibles como a auga ou os alimentos. No Reino Unido teñen un IVE do 5%, pero xa en Escocia -outra vez pioneiros- levan sendo subvencionados en escolas, institutos e universidades desde hai dous anos, pois unha de cada catro estudantes tiña problemas económicos para mercalos. Outro estudo revelou que arredor do 25% das mulleres en Inglaterra, Escocia e Gales faltou algunha vez ao traballo ou á clase por non poder pagar tampóns ou compresas, polo que na maioría de centros de Primaria e Secundaria de Inglaterra e Gales son de balde.

E que pasa en España? Pois que aquí medidas coma esa nin se esperan, tendo que en conta que actualmente os produtos de hixiene feminina están gravados cun 10% de IVE, como se non foran algo de primeira necesidade igual que o pan ou os medicamentos. 

A intención do Goberno, parece ser, era baixalo ao tipo súper reducido para compresas, tampóns e tamén copas menstruais (xa saben, máis limpo, máis ecolóxico e máis económico a medio prazo), pero, vaia, que mágoa, en 2019 a intención quedou en nada.

Tamén se aprobou esta mesma medida (é dicir, instar ao Goberno central a materializala) no Parlamento galego. O resultado, o mesmo, de momento. Por non falar da taxa rosa, esa que fai que algúns produtos (como as maquiniñas de afeitar) sexan máis caros por ser para pernas de muller que para caras de home. Cambia a cor.

E é que aínda por riba das molestias que supón este feito da natureza humana (feminina), tanto físicas como psicolóxicas, a discriminación nótase tamén na nosa billeteira, porque ter a regra sae caro e non, non é opcional (aí non hai taxa rosa que valla). Isto parecen non sabelo todos eses que presumen da súa abraiante ignorancia, como quedou claro nun fío de Twitter que se converteu nun compendio de burradas ditas por homes pouco enterados.

Foi a propóposito do retrouso ‘hixiene feminina’, no que algúns encadran desde o xampú de flores á crema para as enrugas e, por suposto, esixen ao peliculeiro berro de "¡tengo mis derechos, pago mis impuestos!" que tamén lles rebaixen o IVE da escuma de afeitar, que barbearse debe ser obrigatorio. Aquí si, igualdade.

Por iso é tan necesario visibilizar e normalizar a menstruación, que era, precisamente, o obxectivo da exposición ‘O noso sangue, as nosas regras’, que catro alumnas da Facultade de Educación Social de Ourense trouxeron o curso pasado ao CIFP A Xunqueira.

Comentarios