Blogue | Non tes tu fe

Sociedade putrefacta

JAVI 1 Concentracion contra la violencia machista frente a la Deputacion.
photo_camera JAVI 1 Concentracion contra la violencia machista frente a la Deputacion.

"CUALQUIER COSA que se diga hoy suena hueca. Acaban de matar a tres mujeres. Los que siguen negando la violencia machista son parte del aparato criminal. Ni más, ni menos". Son palabras de Olalla Bouza, compañeira xornalista, e cólloas prestadas porque nun día coma este, tinguido de loito, de rabia, de indignación, de impotencia e de bágoas amargas todo o que se diga semellan voces que se dilúen no aire, que se perden no espazo.

Ocorre tamén que non saen as palabras. Que quedan atrancadas na gorxa. Custa tamén escribilas. Chegar cunha idea para o artigo e que a vida che dea dúas labazadas no peor dos luns posibles, que che chante o coitelo da realidade, porque o horror está sempre máis preto do que parece. Tres mulleres mortas. Non. Tres mulleres asasinadas. Sandra, Alba, Elena. Pero só un nome máis, o de Sandra, para a enorme lona que desde hai tres meses lembra na fachada do Pazo Provincial de Pontevedra ao milleiro de mulleres asasinadas en España desde 2003 en crimes machistas.

Sandra, Alba, Elena. Dúas fillas e unha nai. Un feito arrepiante. Pero o máis horripilante de todo é pensar nas pequenas testemuñas do crime. Dúas crianzas, de catro e sete anos. Penso nas miñas, de case a mesma idade, e non son quen de imaxinar o que pode pasar polas súas cabeciñas. Nin tampouco de visualizar a imaxe: os pequenos, sentados no asento de atrás do coche, preparados para ir á escola, coa merenda e a mochila, despois de que a súa tía (apostaría a que era a súa favorita, a dos mimos, a das lambetadas) e a súa avoa (avoíña!) lle botasen unha man á súa nai nesas mañás nas que as sabas quedan pegadas e hai que prepararase a contrarreloxo para chegar a tempo á escola. E que de súpeto chegue o seu pai e lle dispare á súa nai. Diante dos seus olliños. Nin todas as series e películas que teñamos visto nos poden axudar a imaxinar unha escena así de dantesca.

Perderon a nai, a tía, a avoa. E perderon un pai. Porque máis aló da condena que lle impoña o xuíz, é obvio que tamén quedaron orfos dese asasino que roubou moito máis que tres vidas. Rouboulles o futuro e o sono polas noites.

NEGACIONISTAS. Que pasa pola cabeza dun presunto ser humano para erguerse un día, coller un revólver e conducir máis de media hora ata chegar á casa da súa ex muller (e dous seus fillos!) e acabar coa súa vida?

Non o sei, non o imaxino. Pero hai quen si. Hai que mesmo se atreve a soltar merda pola boca nas redes sociais, a presumir do seu cerebro unineuronal para atribuir o feito a un "loco", por un "ajuste de cuentas" por non sei que dun crédito; a dicir que "dá igual o xénero das vítimas", ou que a violencia "tanto puede ser de un hombre como de una mujer" porque o importante é "perseguir a personas". Hai quen se atreve a comparar crimes machistas con accidentes laborais e mesmo mulleres (mulleres!!) que afirman, sen pudor, que "no existe la violencia de género" e que "también hay hombres maltratados y desamparados por la ley".

Noxo e medo. Vivimos nunha sociedade putrefacta. Que veña xa o meteorito.

Comentarios