Blogue | Non tes tu fe

Tetas

Dúas nais aleitando ás súas crianzas em 2013. RAFA ESTÉVEZ (ADP)TETAS. Tetas, peitos, mamas, seos. Dise do "órgano glandular dos mamíferos femias que segrega o leite co que alimentar os fillos", segundo o diccionario O portal das palabras. Grandes, pequenas, ergueitas, caídas. Todas as mamíferas temos tetas, é así. E se nos falta algunha, non é por nada bo, así que Deus dea saúde (e unha Administración que administre correctamente para que a Sanidade pública sexa a que merecemos e non un servizo cada vez más deteriorado que acabe convertindo definitivamente en mito aquel mantra tantas veces repetido de que en España temos a mellor sanidade universal do mundo mundial, aínda que este sería outro tema). Temos tetas, amigas.

Temos tetas as xornalistas, as labregas, as enxeñeiras (aínda que sexan poucas, por desgraza), as actrices, as caixeiras do súper e mesmo as políticas. Ten tetas Cayetana Álvarez de Toledo e ten tetas Irene Montero. Tamén teñen tetas eles, os xornalistas, os labregos, os enxeñeiros (eles son maioría), os actores, os caixeiros do súper (aquí son minoría) e tamén os políticos. Ten tetas Pedro Sánchez e ten tetas Irene Montero.

Pero as tetas masculinas son como invisibles, mentres as femininas semellan ser o epicentro dunha espiral que atrae as miradas e os comentarios. Miren se non o que lle ocorreu a semana pasada a Irene Montero.

Aínda é preciso reivindicar a importancia do leite materno

Irene é a número dous de Unidas Podemos. O outro día subiu un vídeo ás redes no que falaba dos últimos acontecementos na política española. Uns acontecementos que poden dar para elaborar varias teses, pero mira ti por onde que non foi o seu discurso o que máis chamou á atención. Polo menos para algúns especimes aos que a neurona non lles dá para máis ou quizais é que son o exemplo de que a natureza prehistórica segue viva dentro deles.

Porque resulta que Irene ten tetas. E no vídeo, gravado en vertical para poder poñer subtítulos (os subtítulos son imprescindibles para xente con deficiencias auditivas, pero tamén se queres ver un vídeo sen son), víanselle as súas tetas. Víanselle non, corrixo. Víase que estaban por debaixo da roupa. Unhas tetas normais e correntes que, por certo, lle están dando de amamantar á súa filla Aitana, que aínda non cumpriu os dous meses. E, por se alguén non o sabía, durante esta etapa tan especial da vida as tetas ser máis exuberantes. Cousas da natureza humana.

Irene ten tetas e iso foi o único que viu un tal Monolocus (un tuiteiro agochado detrás do anonimato, que valentía), que deu un novo exemplo de machismo nas redes e na política. Este individuo considera que Irene estaba "marcando teta" para "vender el producto" e que se gravou o vídeo en vertical foi para que "pierdas el contacto con ella y te centres en otra cosa", que polo visto é para o único que lle dá o seu cerebro unineuronal. Despois preguntámonos por que en España fracasa tanto a versión orixinal subtitulada.

Será que as mulleres (non sei eles) non temos tetas de quita e pon para evitar o risco da distracción nestes seres menos evolucionados. Unha mágoa cando tes que lactar en diferido, por outra banda, porque o extractor de leite materna é un grande invento, pero nese caso o envoltorio do regalo si que importa. Cantas veces quixen deixar as tetas na casa.

Porque para unha boa parte da poboación masculina as tetas só teñen un contexto: o sexo. Por iso en pleno século XXI o topless aínda está mal visto (o topless feminino, enténdase) e non pasa nada por anunciar roupa interior ou perfumes coas tetas á vista, pero ai de ti se se che ven cando lle dás de mamar ao teu fillo! Non digo xa se se adiviña o pezón.

E non é casualidade que estes días se celebre, por certo, a Semana Europea da Lactancia. Porque en pleno século XXI aínda é preciso reivindicar a importancia do leite materno para a saúde, presente e futura, das crianzas, das nais, das finanzas familiares e do planeta, porque poucas cousas hai máis económicas e ecolóxicas que aleitar, por moito que lles fastidie ás grandes multinacionais da alimentación artificial. É saudable, non deixa residuos e, aínda por riba, é de balde.

E, sobre todo, hai que reivindicar que as nais (e os pais) conten con toda a información necesaria para decidir conscientemente como alimentar aos seus bebés. Porque a libre elección empeza cunha boa información. Porque as mulleres podemos fabricar leite. E cal é o teu súper poder?

Comentarios