Blogue | A lume maino

Cada cinco minutos

António Saraiva y Antón Costas, en el foro en A Toxa. EP
photo_camera A chuvia enmarcou o foro La Toja-Vínculo Atlántico celebrado a pasada fin de semana na Illa da Toxa. EP

CAÍA A chuvia cunha virulencia tal que os xornalistas que viñan de fóra empezaron a preguntarse se aquilo da cicloxénese explosiva sería peor que a covid. O marabilloso enclave da Toxa acolleu hai xusto unha semana un encontro cun fío condutor tan suxerente como a reconstrución da era post covid. Nun intre que ten o sabor do histórico e cun elenco de primeiro nivel. Corenta e pico mentes das máis brillantes dispostas a dialogar a repensar o mundo, a buscar a mellor fórmula de reinventarnos. Expresidentes e presidentes de Goberno, políticos internacionais, empresarios, economistas... A elite deuse cita nunha sorte de consello de sabios no que se habían poñer os alicerces sobre os que levantar o noso porvir ferido de morte pola pandemia e trazar o camiño da futura prosperidade. Unha oportunidade de escoitar a moitos dos que levaron o temón ou o levan hoxe, nestes tempos de incertidume.

Foron tres días con arrecendo a mar no que os restos do furacán Álex batían contra a carpa, coma se a natureza quixese mandar a súa mensaxe no berce do novo mundo. Falouse de recuperar o tecido económico, dos fondos europeos en todas as claves imaxinables, de cooperación, de alianzas atlánticas, da dixitalización imparable ou de ter en conta ós máis vulnerables que, trala crise sanitaria, aínda o son máis. Pero nese intento de esbozar un futuro sostible, máis respectuoso co medio ambiente e próspero, nese encontro para esbozar o futuro esquecéusenos un pequeno matiz: as mulleres. Só catro entre 43 ponentes. Tampouco a cuestión da igualdade foi parte do debate durante estas xornadas. Pasamos de puntiñas polo foro máis importante. Ninguén se preguntou, cal é o papel das mulleres na reconstrución do mundo logo da pandemia? Como muda o horizonte a súa perspectiva?

Na Illa da Toxa aconteceron moitas cousas. Dous expresidentes dos tempos do bipartidismo puxéronse de acordo no que nunca se poñían de acordo. Un presidente republicano e un monarca cuestionado déronse un abrazo dos que permite o covid, sentido e con certa distancia e o ollar no futuro. Varios ex dirixentes enfrontaron a crise anterior coa actual, expertos en distintas materias esmiuzaron a macro e a microeconomía, ou o poder da tecnoloxía na era que vén. E non aconteceron outras. Non subiron ao atril mulleres con poder político, expresidentas, empresarias e economistas. Non se debateron cuestións tan importantes como a desigualdade de oportunidades, a fenda salarial ou o teito de cristal. Non se pasou polo tamiz da igualdade a economía nin o valor dos coidados tan importantes hoxe, nin as TICs ou as reflexións en xeral.

Acontece cada certo tempo. Se eliminas da primeira liña a perspectiva de xénero, desaparecemos. A cousa parece grave se foi sen querer, dixo o xornalista Isaías Lafuente na Ser esta semana. Pero aínda máis grave é si se fixo á mantenta. Eu creo que o problema volve ser de invisibilidade. Que mentres loitamos por borrar da pel a síndrome da impostora que se nos pega como unha calcamonía, cando criamos que tiñamos ben afianzados algúns pasos, veu a pandemia e enguliuno todo, loita pola igualdade incluída.

Todas nos sentimos invisibles algunha vez. E resulta esgotador ter que explicar que si, que tamén hai mentes brillantes e mulleres cunha traxectoria vital tan importante que achegarían pensamentos de gran valor a todo gran foro de discusión. É esgotador ter que reivindicarse cada cinco minutos, pero non podemos deixar de facelo. Se non insistimos como a chuvia miúda ou a forza dun furacán, corremos o risco de quedar fóra do debate, invisibles para sempre.

Comentarios