Blogue | A lume maino

O falar non ten cancelas

Los agentes Roberto Carrera (izq.) y Jośe Soengas, en una de sus charlas. GONZALO GARCÍA
photo_camera Charla da policía a uns alumnos. GONZALO GARCÍA

DI O REFRÁN que o falar non ten cancelas e é doado constatalo cada día asomando os ollos durante uns intres ás redes sociais. Recoñezo que ás veces é tentador vivir de costas ó que nese universo acontece porque entre petiscos de actualidade, que mudan cada segundo, chíos ocorrentes e ligazóns a artigos que poden ser de interese flotan demasiados comentarios violentos, degradantes e insultos gratuítos, que converten nun mar de plásticos velenosos ó océano virtual.

A min gústanme os debates. Aprender de quen ten un punto de vista diferente, xogar a poñerme nos zapatos dos outros. Discutir. Pero non entendo os gritos nin os golpes. Nin sequera cando son letras maiúsculas impresas nunha pantalla ou imaxes ameazantes. E hoxe en día chegamos a uns niveis nos que demasiadas veces o debate construtivo esvaécese detrás dunha néboa de nomes ficticios, trala que se parapeta a covardía, a intolerancia e o desprezo.

Non sabía o nivel ó que se estaba a chegar, por exemplo, contra as mulleres en Twitter, ata que, hai ano e medio, a xornalista Ana Isabel Bernal Triviño contou no Teatro Principal o fácil que lles resulta ós acosadores amedrentala enviándolle a imaxe dunha guillotina ou dunha pistola, ou duns xenitais acompañadas de todo tipo de ameazas e insultos vexatorios. O acoso é un delito penado con cadea, se se fai por outra vía, pero que nas redes pode quedar impune polo anonimato desde o que se exerce. Contaba Bernal que ela, e moitas feministas coma ela, tiña ducias de contas bloqueadas e que de cando en vez disparábaselle a ansiedade por toda a persecución que sufría nas redes. Tiña medo.  Non é a única.  Os nomes máis influíntes das redes; profesionais da comunicación e tuiteiras en xeral comparten esa sensación anguriosa de quen se enfronta a cruzar unha rúa escura en plena noite cada vez que voa o odio cara o seu perfil.  

Un estudo di que a cuarta parte das mulleres sofren acoso nas redes
 

Esta mesma semana a actriz Bárbara Goenaga tamén abandonaba as redes farta de explicar que os seus comentarios obedecen ó seu xeito de pensar, como se tivera que explicalo, farta de que lle pendurasen do pescozo a ideoloxía do seu home, político en activo, e de sentirse xulgada e acosada polo mero feito de falar libremente.

O certo é que Twitter está chea de mulleres e homes valentes que expresan o seu parecer de maneira  publica, que inician diálogos e discusións desde o respecto ó que non opina igual, e que como contraprestación reciben demasiadas veces unha chuvia de insultos e ameazas.

Claro que é fácil apagar o ordenador, deixar de publicar e desaparecer das redes. Renunciar á liberdade de expresión ou autocensurarse, malia que non sexa a solución permite gozar dunha falsa seguridade.

Logo de realizar enquisas entre mulleres de oito países do mundo, Amnistía Internacional publicou un estudo que revelaba que case a cuarta parte das entrevistadas sufrira acoso a través das redes. Son cifras de hai dous anos que quizais nin sexan xa suficientes, dado o nivel de odio que se percibe nas redes. Advirten os expertos que entre que se detecta a conta da que procede o acoso, se denuncia e a rede social actúa, fluíron regueiros de odio.

Non temos libro de instrucións para os tempos que veñen. Pero temos que seguir incidindo na base. Unha educación construída sobre o respecto e a liberdade. Construír sociedades sobre valores como a tolerancia e a diversidade, rexeitar a violencia en todas as súas formas pode ser un comezo tamén para navegar polas redes, e para falar do que un ou unha queira. Sen cancelas.

Comentarios