Blogue | A lume maino

O pano violeta

“Que ninguén te diga que Non podes, porque sí podes” (Marisol Soengas)
Manifestación do 8-M en Pontevedra no 2020. DAVID FREIRE
photo_camera Manifestación do 8-M en Pontevedra no 2020. DAVID FREIRE

Levo días pensando cal é a mellor maneira de vivir o 8-M este ano da covid. Como facer para que a corrente violeta que invadiu as rúas nos últimos anos deixando un ronsel de devezos de igualdade, de liberdade e sororidade siga abrollando con toda a forza, malia que a pandemia non nos permita materializala nunha gran marea humana.

Como facer para que se escoite o noso berro unánime, e que se nos vexa a ledicia que sentimos ó avanzarmos xuntas, ó irmos pechando a zanxa que nos afasta da igualdade de oportunidades. Como facer para ondear a bandeira desde a casa e que o seu vento se sinta en todas partes; para lanzar a nosa mensaxe de que seguimos a transformar o mundo e de que, do mesmo xeito que estamos poñendo os alicerces dunha transición ecolóxica que non ten volta atrás, temos unha transición feminista en marcha, que se move por unha sociedade máis xusta e que non a imos parar.

Pero que ninguén se leve a enganos. Neste ano no que non imos estar masivamente nas rúas por pura responsabilidade a corrente feminista segue a fluír todos os días. Nas escolas e institutos onde cada vez máis profesoras (e profesores) arroxan luz sobre as autoras silenciadas, as científicas que permanceron na sombra ó longo da historia. Onde cada vez máis investigadoras poñen rostro e verdade ás súas profesións, construíndo novos referentes e que lles din ás nenas: “Que ninguén te diga que Non podes, porque si podes”.

Nas escolas infantís, onde se traballa a coeducacion desde o berce. Nos postos de responsabilidade e na alta dirección, onde as que chegan (e algúns dos que chegan tamén) pelexan por rachar os teitos de cristal e a fenda salarial, ó tempo que desenvolven novas formas de liderar as empresas.

Nos centros sanitarios, onde seguen a ser maioría abrumadora elas, as que coidan, poñendo no cumio das prioridades a saúde de todos e todas.

Nas institucións públicas, onde cada vez se escoitan máis voces a prol da igualdade, e onde a perspectiva de xénero percorre de xeito transversal todas as áreas, non só como un obxectivo, senón como unha forma de ver a vida.

Nos medios de comunicación, onde cada vez elas acadan máis protagonismo, máis portadas, máis espazos para opinar.

E, desde logo, nas nosas casas, onde nais (e pais tamén) sementamos un futuro igualitario sobre unha base de respecto, empatía e liberdade co convencemento íntimo de que as seguintes xeracións darán outro paso máis e nós teremos algo que ver.

Hai uns días ó preguntarlle a Almudena Ariza, xornalista que hoxe pecha a terceira edición do foro As mulleres que opinan son perigosas, sobre como vivir este 8-M propuxo dedicarllo ás mulleres loitadoras sen recoñecemento. Porque quen non ten unha nai, unha avoa, unha tía... cunha bagaxe ás costas que mereza que lle dediquen este día.

Así que o meu 8-M vai para as mulleres da miña vida, as que me ensinaron a traballar por ser sempre unha muller independiente. As que foron e as que son o espello onde levo toda a vida mirándome. As que me contaron as súas historias para entender a súa vida nun tempo no que a muller só valía polo home que tiña ó lado. Porque elas non se renderon nunca. Por seguir dándonos azos. “Se eu tivera nacido a túa época...”. 

O 8 M volveremos pintar a cara de lila e a poñer o brazalete que fixemos xuntas as xornalistas de Pontevedra no estalido feminista do 2018. A explicarlles ós nosos pequenos por que é un día importante para todas nós. A axitar polas ventás da Internet, dun diario en papel e as das nosas casas un pano violeta coma este, para encher o mundo de novos camiños cara a igualdade.

Comentarios